A Xunta convoca un concurso e un programa escolar para concienciar ao alumnado sobre ciberseguridade

O Encontro CIBER.gal, que se celebra os días 2 e 3 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia, acolle a terceira edición do concurso Ciberseguridade no cole! dirixido a escolares de 5º e 6º de primaria, e 1º e 2º da ESO

O prazo de inscrición para os centros educativos que desexen participar no concurso estará aberto ata o 9 de outubro

O programa de Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais ten o obxectivo de capacitar ao alumando no uso seguro, responsable e proveitoso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

Os centros interesados en participar no programa deberán enviar a súa solicitude antes do 30 de setembro
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

A terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebrará en Santiago os días 2 e 3 de novembro, volverá a acoller entre as súas actividades máis destacadas o concurso escolar Ciberseguridade no cole! dirixido a centros educativos de Galicia de Primaria e da ESO.

No certame,  que conta co patrocinio de Telefónica baixo o paraugas do III Encontro CIBER.gal e da súa colaboración como entidade adherida ao Nodo de Ciberseguridade de Galicia, poderá participar o alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO. Realizarán unha rolda clasificatoria en liña o día 18 de outubro, na que haberá que responder a unha seria de preguntas sobre ciberseguridade. Durante esta fase seleccionaranse tres equipos de cada unha das categorías (Primaria e ESO), que participarán nunha final presencial o día 3 de novembro no marco das actividades do Encontro e na que colaborará a presentadora do programa DígochoEU da TVG, Esther Estévez.

Os centros que queiran participar poderán inscribirse neste enlace  ata o vindeiro 9 de outubro antes das 14:00 horas. Os organizadores agardan superar os resultados da edición anterior, na que participaron case 4.000 escolares entre 10 e 14 anos, e mais de 150 centros educativos de toda Galicia.
 
A terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, promovida e organizada polo Nodo CIBER.gal, espazo de colaboración público-privado fundado pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), entre outros, reunirá no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela aos principais expertos de España en seguridade informática. Proximamente publicarán os detalles dos relatorios e actividades no seu espazo web.

Iniciación segura á pegada dixital

O programa de Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais ten entre os seus obxectivos o de reforzar a competencia básica do alumnado en seguridade na xestión dos seus perfís nas redes sociais. Busca tamén explicar a identidade dixital e a importancia da pegada dixital, afondar na configuración das opcións de seguridade e privacidade das redes sociais máis actuais entre nenos e nenas. Ofrece, así mesmo, ferramentas e recursos aos que poder acudir as dúbidas sobre o uso seguro da tecnoloxía.

Vai dirixido a alumnado de 2º, 3º e 4º de educación secundaria de centros públicos e concertados. Consiste na realización dun único obradoiro por centro de carácter eminentemente práctico que abordará a xestión segura das redes sociais que máis están a utilizar os escolares. A impartición da dinámica, de hora e media de duración e para un máximo de 30 persoas (da mesma ou de diferentes aulas), correrá a cargo de especialistas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

En total, executaranse 250 obradoiros que terán lugar desde outubro de 2023 a xuño de 2024 e que se realizarán presencialmente.

Os Centros que desexen solicitar ditos obradoiros, deben enviar ao enderezo electrónico asesoria.participacioneducativa@edu.xunta.gal un correo co seguinte asunto: “Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais”. Para formalizala, achegarase como arquivo adxunto o documento Anexo I desta resolución.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o 30 de setembro e cóntase con adxudicacións limitadas, e os centros seleccionaranse segundo a orde de entrada da solicitude, ata un máximo de 250 centros. En caso de quedar prazas sen cubrir, distribuiríanse entre os centros que indicasen o interese de realizar máis dun obradoiro, seguindo o criterio anterior. Para mais información: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/40951

Data de actualización: 21/09/2023