A Xunta adxudica por 1,5 M€ as obras para reducir o risco de inundacións do río Anllóns na rúa Sol, en Carballo

Os traballos, que teñen un prazo de execución de 8 meses, comprenden a remodelación da ponte e a creación dunha canle de augas altas na rúa Sol

Demolerase e construirase unha nova ponte, que terá un único van para mellorar a circulación da auga en caso de crecida, instalarase unha pantalla lateral de contención e habilitaranse 2 pasarelas de acceso ao paseo fluvial

Será preciso acometer a demolición dunha edificación e de tres treitos de escaleiras, acometerase unha obra de fábrica pola marxe dereita do río e habilitarase unha senda con 600 m2 de pavimento

As intervención enmárcase na colaboración entre Xunta e Concello de Carballo para desenvolver o Plan de xestión desta área de risco potencial de asolagamento

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 1.495.040 euros as obras de execución para a remodelación da ponte e creación dun canle de augas altas na rúa Sol, no concello de Carballo.

 

Os traballos, adxudicados á empresa UTE Seranco, S.A.U. & Cycasa Canteras y Construcciones, S.A., forman parte das actuacións necesarias para minimizar o risco de inundación do río Anllóns.

 

A intervención adxudicada, que conta cun prazo de execución de 8 meses, ten como obxectivo unha mellor protección fronte ás enchentes no río Anllóns, para o que é preciso a demolición dunha edificación, a remodelación da ponte e creación dun canle de augas altas na rúa Sol.

 

Para iso, os traballos inclúen o derrubamento de tres treitos de escaleiras, unha obra de fábrica pola marxe dereita do río e a habilitación dunha senda coa extensión de 600 m2 de pavimento.

 

A intervención obxecto deste contrato comprende, tamén, a demolición e construción dunha nova ponte, que terá un único van para mellorar a circulación da auga en caso de crecida.

 

As obras completaranse, ademais, coa instalación dunha pantalla lateral de contención e a habilitación de dúas pasarelas de acceso ao paseo fluvial para dotar de acceso á senda.

 

Colaboración Xunta e Concello

Estas intervencións enmárcanse na colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo, para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 M€.

 

Entre as accións que se consideran máis prioritarias e que son as que se impulsan a través desta colaboración están estas obras de remodelación de ponte e creación dun leito de augas altas na rúa Sol; as comezadas o pasado 5 de maio de remodelación do parque de San Martiño, que se prevén finalizar a principios de novembro e a realización dun by-pass na zona de Muíño do Quinto, xa finalizadas e pendentes de recepción e entrega.

 

Tamén se inclúen as actuacións xa licitadas e en fase de contratación da reforma da ponte sita na rúa Fomento, coa remodelación do leito e motas de contención augas abaixo da ponte; e a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo.

 

Segundo o acordo de colaboración, correspóndelle á entidade hidráulica da Xunta levar a cabo a contratación da redacción e aprobación dos proxectos das intervencións que permitan reducir o risco de inundación nesta área do río Anllóns, a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

 

Pola súa banda, o Concello de Carballo asume a posta á disposición dos terreos necesarios para o inicio dos traballos e a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución; así como a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción e a asumir o seu mantemento e conservación. Tamén se compromete á utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

Data de actualización: 21/09/2023