A Xunta licita por máis de 8,5 M€ as obras de ampliación do parque empresarial das Gándaras, en Lugo

As empresas interesadas en concorrer a este contrato teñen de prazo ata o vindeiro 23 de outubro para poder presentar as súas ofertas de forma telemática

Hoxe tamén se publican os contratos correspondentes á dirección da obra e ao control de calidade, cun investimento previsto entre ambos de 236.518,82 €

O investimento realizado polo Goberno galego nas Gándaras ata o momento, entre custos de adquisición de terreos, traballos técnicos e urbanización, supera os 56 M€
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Xestur, licitou hoxe por un orzamento base de 8.520.497,57 euros as obras que permitirán a ampliación do parque empresarial das Gándaras en Lugo. As empresas interesadas terán de prazo ata o vindeiro 23 de outubro para presentar as súas ofertas de forma telemática.

Cun prazo de execución estimado en 15 meses, o contrato ten como fin acometer os traballos de urbanización correspondentes ás fases IV, V e VII.a do polígono, que abranguen unha superficie total de 218.472 metros cadrados e dos cales o 71% se reservará a habilitar novas parcelas de uso industrial.

Así mesmo, hoxe tamén se publican outras dúas licitacións relativas a esta actuación por un importe total de 236.518,82 euros: o servizo de dirección das obras do proxecto, por 150.141,98, IVE incluído; e o servizo de control de calidade das obras, licitado por 86.376,84 con IVE.

Cómpre lembrar que o proxecto sectorial para o desenvolvemento do parque das Gándaras foi aprobado en 2007 e sufriu nos anos posteriores 3 modificacións, coa finalidade principal de adaptar o tamaño dos terreos e a distribución de usos ás necesidades do tecido empresarial e ás demandas detectadas.

A súa execución comprende un total de 9 fases de urbanización cun ámbito bruto de 2,1 millóns de metros cadrados, dos que aproximadamente a metade está previsto que se destinen a albergar 268 parcelas de uso industrial.

Grazas á ampliación licitada hoxe, o parque empresarial sumará 38 novas parcelas que se porán á disposición das empresas interesadas en asentarse na comarca ou ampliar e mellorar as súas instalacións. De feito, os terreos da fase VII.a xa foron adxudicados de forma directa á empresa Norvento en abril deste mesmo ano a través da declaración como proxecto empresarial singular da nova fábrica vinculada ao sector das renovables que ten proxectada neste parque e coa que completará as súas dependencias actuais.

Ata o momento o Goberno autonómico leva investidos nas Gándaras ao redor de 56 millóns de euros entre o custo de adquisición dos terreos —que se compraron na súa totalidade entre os anos 2007 y 2009—, das obras de urbanización das tres fases (I, II e III) que xa se atopan en servizo e dos traballos técnicos, taxas e trámites adicionais.

Data de actualización: 21/09/2023