A Xunta organiza unha actividade formativa sobre produción e comercialización de materiais forestais de reprodución dirixida aos axentes do sector

Terá lugar o vindeiro día 28 deste mes na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, e o prazo para inscribirse remata o luns 25

Nesta xornada abordaranse os distintos procedementos que son de obrigado cumprimento para os viveiros que obteñen materiais forestais de reprodución e será tamén un foro de encontro entre o sector e a administración forestal
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

A Escola Galega de Administración Pública (Egap), situada en Santiago de Compostela, acollerá o vindeiro día 28 deste mes unha actividade formativa promovida pola Xunta sobre produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución e dirixida aos axentes do sector que se dedican á produción e comercialización de sementes, plantas ou partes de plantas forestais.

A acción está organizada pola Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e nela abordaranse os distintos procedementos administrativos que son de obrigado cumprimento para os viveiros que obteñen materiais forestais de reprodución. Ao tempo, este evento pretende ser tamén un foro de encontro entre estes viveiros e os responsables da administración forestal con competencias nestas materias.

A actividade desenvolverase en xornada de tarde, entre as 16 e as 20,30 horas. As inscricións para participar nesta acción formativa poden facerse no seguinte link: https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro luns, día 25 de setembro.

Data de actualización: 21/09/2023