A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou nunha xornada sobre o réxime xurídico da enerxía eólica na EGAP

A Xunta reitera a súa aposta por un desenvolvemento eólico ordenado e compatible co medio ambiente

Ángeles Vázquez agradece o esforzo realizado por parte do persoal da Xunta para tramitar un alto volume de proxectos no pouco tempo imposto por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia reitera a súa aposta por un desenvolvemento eólico ordenado e compatible co medio ambiente a través dunha avaliación ambiental garantista, transparente e rigorosa que impide que saian adiante iniciativas que poidan producir danos significativos á contorna.

Nesa liña, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu hoxe en que o Goberno galego garante a total compatibilidade das iniciativas empresariais coa conservación do noso patrimonio natural. Este compromiso reflíctese no feito de que nun 77,5% do territorio galego non poden instalarse proxectos eólicos por motivos medioambientais.

A maiores, a conselleira agradeceu o esforzo realizado por parte do persoal da Xunta de Galicia para tramitar un alto volume de proxectos no pouco tempo imposto por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Cómpre lembrar que das case 120 declaracións de impacto ambiental tramitadas, un terzo foron negativas e moitas das positivas incluíron numerosos condicionantes de tipo ambiental de obrigado cumprimento.

A xornada sobre o Réxime xurídico da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia: perspectiva xurisdicional e administrativa, na que hoxe participou a vicepresidenta segunda, acompañada pola directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, ten o obxectivo de proporcionar unha visión global do réxime xurídico do sector eólico en Galicia.

Durante a súa intervención, a directora da EGAP destacou a boa acollida da xornada por parte do persoal empregado público das diferentes administracións galegas. Ademais, incidiu na relevancia e na complexidade da materia tratada na actividade formativa, a cal ofrece unha visión global do réxime xurídico da enerxía eólica tanto desde unha perspectiva xurisdicional, nos ámbitos constitucional e contencioso-administrativo, coma desde a perspectiva procedemental, con especial fincapé nos aspectos ambientais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023