A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Zamáns e Miñor, no concello de Gondomar

Estes traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

Augas de Galicia continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e de limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Zamáns e Miñor, no concello de Gondomar.

 
Estes traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións.

As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-sur e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións do departamento que preside Ethel Vázquez contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023