A Xunta executa traballos de conservación e limpeza en treitos interurbanos de sete ríos no concello de Porto do Son

As tarefas están a realizarse nos ríos Pequeno, Igrexa, Sancho, Cans, Queiroa, Corral de Abaixo e un río innominado, no seu percorrido por distintos lugares do municipio

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de 7 km

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de sete ríos ao seu paso polo concello de Porto do Son.

As actuacións están a levarse a cabo nos ríos Pequeno, Igrexa, Sancho, Cans, Queiroa, Corral de Abaixo e un río innominado, no seu percorrido por distintos lugares do municipio. Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de 9 km.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedan despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-centro e nas súas zonas de acceso e protección.

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023