A Xunta insiste en que as negociacións para resolver o conflito na prestación do servizo contraincendios e salvamento debe realizarse dentro dos consorcios provinciais

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, aclarou hoxe no Parlamento de Galicia que os consorcios e as administracións que forman parte destes organismos manteñen aberto o diálogo cos representantes sindicais

A prestación do servizo e competencia local pese a que a Xunta colabora asumindo máis da metade do custe anual de funcionamento

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, insistiu hoxe no Parlamento de Galicia que a negociación do conflito que derivou na folga indefinida nos parques de bombeiros da comunidade que prestan o servizo contraincendios e salvamento na comunidade galega debe levarse a cabo dentro dos respectivos consorcios provinciais, debido a que son as entidades ás que pertencen os traballadores e que, á súa vez, están adscritas ás respectivas deputacións provinciais.  

Así, aclarou que a prestación do servizo contra incendios é competencia municipal pese ao apoio económico realizado pola Xunta, que achega máis do 50% do custo do servizo no conxunto de Galicia.

Tamén aclarou que en 2018 formulouse a posibilidade do cambio de modelo de xestión para pasar de indirecta a directa nos 24 parques de bombeiros dos consorcios provinciais, unha decisión que foi apoiada polo Goberno galego coa condición de que non suporía un aumento do custo nin maiores achegas económicas da administración autonómica. Este cambio no modelo de xestión -só pendente no consorcio provincial de Ourense- supuxo a subrogación polos consorcios provinciais do persoal das empresas que prestaban este servizo. O cambio de modelo require a subrogación en réxime de indefinido non fixo, para posteriormente a través dun proceso selectivo converter o persoal en indefinido do consorcio.

Nesta liña, en aras de cumprir coa sentenza do 28 de xaneiro de 2022 do Tribunal Supremo que obriga a manter a condición de persoal fixo cando unha administración subrogue os contratos da anterior empresa, o persoal técnico dos tres consorcios provinciais que xa tiñan a xestión directa acordara tramitar a Relación de Postos de Traballo (RPT) e un acordo coas condicións laborais de aplicar. Como explicou Santiago Villanueva, trátase de homoxeneizar o contido dos acordos cos traballadores.

O rexeitamento deste acordo por parte da asemblea de traballadores de Pontevedra e Lugo derivou na folga indefinida que está a afectar aos servizos que prestan os 24 parques comarcais da comunidade. O director xeral de Emerxencias e Interior insistiu en que, pese a que as negociacións teñen que levarse a cabo no marco dos consorcios provinciais, as administracións que forman parte destes entes manteñen a man tendida para solucionar o conflito. De feito, a Xunta mantivo varias reunións nos meses de verán con representantes sindicais dos bombeiros.

No marco deste diálogo, a Xunta e as catro deputacións asinaron o pasado agosto un protocolo que as organizacións sindicais rexeitaron, negándose ademais a desconvocar o paro. O acordo recollía o recoñecemento da fixeza de todo o persoal, a sinatura dun convenio para cada consorcio por prazo dun ano coas mellores condicións actuais dos convenios de cada provincia e o inicio da negociación dun novo convenio e unha nova RPT.

Canto aos efectos da folga, o director xeral de Emerxencias e Interior advertiu de que está afectar de maneira significativa aos servizos porque, aínda que se fixaron servizos mínimos nin se reduciron os cadros de persoal, estanse a producir ausencias de traballadores que impiden o seu cumprimento e mesmo obrigaron a pechar algúns parques. Neste senso, engadiu que as xerencias dos consorcios provinciais traballan en fórmulas para manter a prestación do servizo coa redistribución de efectivos e a incorporación a través de listas de contratación. 

Data de actualización: 21/09/2023