Trenor anima á cidadanía a participar no Festival Mar de Mares que acolle A Coruña e no que a Xunta pon en valor os produtos pesqueiros galegos

O delegado territorial destacou o importante esforzo do Goberno autonómico para difundir os produtos da artesanía e da industria alimentaria mariñeiras a través do Mercado do Mar que terá lugar esta fin de semana no Parrote

A Coruña, 21 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor,participou esta mañá na apertura da décima edición do Festival Mar de Mares-que terá lugar ata o próximo domingo- coa inauguración da exposición A Coruña eterna. Historia Visual I. Trenor destacou na súa intervención o importante papel de vixilancia, pedagoxía e reivindicación que xoga o certame. Neste senso, recalcou que “só na Coruña podería ter lugar un festival coma este. A nosa cidade é o escenario ideal para reivindicar o mar como un dos grandes motores económicos, culturais e de lecer de Galicia”.

Trenor destacou que nesta décima edición “a cidade converterase un ano máis na capital dos océanos, xa que é o mellor escenario para a celebración deste amplo programa con varias actividades que teñen como obxectivo concienciar á cidadanía sobre a importancia da protección dos nosos ecosistemas mariños”.

No festival de 2023 a Xunta de Galicia fai un importante esforzo por dar a coñecer e poñer en valor os produtos da artesanía e da industria alimentaria ligada ao mar a través do Mercado do Mar, que volve ao Parrote. Este evento terá lugar o sábado 23 e o domingo 24 de setembro e permitirá degustar os mellores produtos mariños de Galicia nun ambiente festivo e cheo de sorpresas.

O delegado da Xunta recalcou para finalizar que “a través da campaña GALICIA SABE AMAR e da marca pescadeRías estamos a realizar unha intensa promoción do consumo de produtos do mar frescos e en conserva”. “Estas dúas accións -subliñou- son a nosa forma de devolverlle ao sector todo o que nos dá: traballo, esforzo e sacrificio. Son, en definitiva, amor ao mar de Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023