A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá o centro de día da rede pública da Xunta que a entidade xestiona na Casa do Mar

Aneiros pon en valor o traballo da asociación AFAL Ferrolterra a favor das persoas con alzhéimer e os seus familiares

A representante do Goberno galego interesouse polo funcionamento das instalacións que contan con 40 prazas públicas e nas que actualmente traballan 16 profesionais

Destacou que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cunha rede de centros públicos especializados na atención a este enfermidade

Ferrol, 21 de setembro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o centro de día da rede pública de alzhéimer da Xunta de Galicia xestionada pola asociación AFAL Ferrolterra, na Casa do Mar de Ferrol, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional do Alzhéimer.

Acompañada polo novo presidente da entidade, Juan Carlos López, e o seu vicepresidente, José María Otero, Aneiros charlou cos usuarios e coñeceu o día a día do centro que conta con 40 prazas públicas e no que actualmente traballan 16 profesionais. Nel préstanse servizos de atención a familias, como asesoramento social e xurídico ou apoio psicolóxico, e servizos de atención ao alzhéimer con tratamentos non farmacolóxicos, logopedia, fisioterapia ou terapias novidosas como o programa Recordando festas populares.

Durante a visita, a representante da Xunta felicitou a AFAL polo traballo que leva a cabo dende a súa constitución en 1997, “visibilizando e concienciando sobre as enfermidades neurodexenerativas”. Tamén avogou pola colaboración entre a Xunta e as entidades sociais “como camiño á hora de avanzar na detención temperá, prevención e nos coidados a estes doentes”, dixo.

Martina Aneiros destacou que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cunha rede de centros públicos especializados na atención ao alzhéimer e lembrou que este mesmo ano a Consellería de Política Social e Xuventude aprobou o concerto social de alzhéimer “co que se garante a estabilidade na prestación dos servizos públicos de atención diurna e supuxo un incremento do 20 % da aportación da Xunta ás entidades como AFAL”.

Ademais de xestionar dende 2010 este centro de día da rede pública de alzhéimer da Xunta de Galicia, AFAL conta desde 2007 cun centro de día terapéutico especializado en alzhéimer e outras demencias, o primeiro en Galicia destas características aberto por unha asociación. Actualmente este centro situado na rúa Río Xuvia, en Ferrol, conta con 34 prazas autorizadas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023