A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o rexedor reuníronse esta tarde para abordar asuntos de interese local

A Xunta estudará colaborar co Concello de Ponteceso para acondicionar e habilitar dúas sendas fluviais no municipio

Ángeles Vázquez e José Manuel Mato analizaron tamén as posibilidades de ampliar o parque público residencial do municipio a través da rehabilitación de antigas vivendas de mestres, un proxecto que podería optar á liña de axudas do IGVS do ano que vén

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia estudará colaborar co Concello de Ponteceso na execución de dous proxectos municipais co obxectivo común de poñer en valor o patrimonio natural e etnográfico do municipio. Así o acordaron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Manuel Mato, durante a reunión que mantiveron esta tarde para avaliar diversas cuestións de interese municipal.

En concreto, unha das actuacións ten como fin habilitar unha senda que discorre por unha das marxes do río Anllóns, en plena Rede Natura 2000. Cunha lonxitude de aproximadamente 3 quilómetros, o rexedor explicou que xa existe un sendeiro na zona pero resulta necesario acometer unha serie de traballos de acondicionamento así como instalar mobiliario urbano.

O segundo itinerario sobre o que quere intervir o Concello discorre ao redor dos muíños de auga de Corme, localizados ao carón do rego de Guxín e que, tal e como explicou o alcalde, están a ser restaurados polos seus propietarios. Co fin de completar esta actuación e revitalizar a zona, o rexedor trasladoulle á vicepresidenta a súa intención de construír unha senda fluvial que discorra ao carón destes muíños e os conecte entre si.

Así mesmo, tamén analizaron as posibilidades de ampliar o parque público residencial do municipio a través da rehabilitación de antigas vivendas de mestres propiedade do Concello, un proxecto que, segundo lle confirmou Ángeles Vázquez, podería optar á convocatoria de 2024 da liña de axudas que pon á disposición das entidades locais o Instituto Galego da Vivenda e Solo para recuperar edificios de titularidade municipal.

Noutra orde de asuntos, o rexedor tamén aproveitou a xuntanza para trasladarlle á vicepresidenta os seus plans para reforzar durante a presente lexislatura os servizos e equipamentos dotacionais do municipio. Máis polo miúdo, explicoulle que o Goberno local conta cun proxecto para crear un novo aparcamento nas proximidades do parque das Bouzas, co que se reforzaría o número de prazas dispoñibles no núcleo urbano. 

Na mesma liña, o alcalde e a vicepresidenta abordaron a situación do polígono industrial de Ponteceso e a súa posible ampliación. Ao respecto, Ángeles Vázquez indicoulle que debe instar a Sepes —organismo público co que o Goberno local asinou o seu día un convenio para ampliar o polígono— a executar o desenvolvemento comprometido para este parque. En todo caso, e se finalmente Sepes se nega a acometer a referida ampliación, a vicepresidenta comprometeuse a estudar a viabilidade dunha posible intervención da Xunta a través de Xestur que permita ampliar esta área industrial. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023