A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou os mozos participantes no campo de voluntariado ‘A terra que habita no mar’

O Grove acolle o último campo de voluntariado da Xunta que pon fin a unha existosa campaña de verán

Galicia acolleu un total de 46 campos de voluntariado que sumaron 730 prazas

A campaña de verán deste ano bateu récords ao superar as 11.200 prazas, 400 máis que o ano anterior, e unha ocupación de case o 100 %

O Grove (Pontevedra), 20 de setembro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os mozos participantes no campo de voluntariado de modalidade ambiental ‘A terra que habita no mar’, no concello do Grove.

Esta actividade trata de poñer en valor a riqueza medioambiental do concello, zona de parada de aves nas migracións europeas e euroafricanas. Os participantes levan a cabo accións como a limpeza e extracción de especies invasoras, a recuperación de estruturas na Ruta dos Burros Fariñeiros, na Aldea dos Grobits e nos puntos de observación ornitolóxica. Ademais, publican contido informativo en redes sociais que serve para a posterior divulgación mediante códigos QR, filmaron un vídeo sobre a problemática medioambiental e sensibilizan a grupos de escolares, entre outras tarefas.

Adicionalmente ás labores medioambientais, os once participantes -de entre 18 e 30 anos e procedentes de diversas comunidades autónomas- desfrutan de tempo de lecer con excursións, actividades de mergullo, caiac ou rocódromo.

Este campo de voluntariado é o último dunha exitosa campaña de verán na que Galicia acolleu 46 campos de voluntariado, catro deles de nova creación, que sumaron un total de 730 prazas.

Ampla oferta de actividades

Os campos de voluntariado da Xunta acollen mozos de 18 a 30 anos de idade que proveñen de Galicia, de varias comunidades autonómicas e de diferentes países do estranxeiro. A campaña de verán deste ano 2023 foi a máis ampla da historia, con máis de 11.200 prazas en distintas actividades, pero tamén a máis variada e accesible. Nela ofrecéronse actividades para todas as idades e gustos como campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos ou intercambios con outras Comunidades. O obxectivo era que a mocidade pasase uns días de aprendizaxe e diversión e que os pais contasen cun servizo de conciliación para esta época estival.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023