A Xunta garante o seu compromiso co benestar integral da muller e coa eliminación do teito de cristal

A secretaria xeral de Igualdade puxo en valor na Cada de Galicia en Madrid a nova Lei de Igualdade na presentación hoxe do directorio de profesionais Referentes galegas, elaborado por Executivas de Galicia

Madrid, 20 de setembro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou hoxe en Madrid, na Casa de Galicia, na presentación do directorio de profesionais Referentes galegas elaborado por Executivas de Galicia, onde sinalou a aposta da Xunta para impulsar políticas de igualdade cun marco lexislativo axeitado, iniciativas e investimentos. Ao respecto, lembrou que a nova Lei de igualdade está en tramitación parlamentaria, unha normativa que blinda o compromiso de Galicia co benestar integral da muller, impulsando o seu apoderamento en ámbitos da sociedade onde aínda persisten diferenzas e loitando contra o teito de cristal.  

Vázquez puxo en valor programas autonómicos como o Emega, para o fomento do emprego feminino, cun 10% máis de orzamento nesta edición (4,8 millóns de euros); ou o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025, que quintuplica o orzamento do anterior (ata os 45 millóns) para diminuír a fenda e situar ás investigadoras ao fronte dos equipos.

A secretaria xeral da Igualdade, por último, agradeceu a Executivas de Galicia o seu labor e a súa implicación na defensa dos dereitos da muller, lembrando que onte mesmo a entidade recibiu unha das Medallas Emilia Pardo Bazán pola visibilidade que dá ás galegas que son referentes nas súas profesións.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023