Román Rodríguez recibe o equipo de ‘O Corno’, primeiro filme en galego que competirá pola cuncha de ouro en San Sebastián

A Xunta reforzará a promoción do noso audiovisual no certame donostiarra, onde a fita de Jaione Camborda e a película de animación O soño da Sultana exhibiranse en Sección Oficial, mentres que Matria farao en Perlak e Sica en Made in Spain

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subvencionou O corno con máis de 260.000 euros en axudas á produción e á fase previa de desenvolvemento

A contorna natural da Illa de Arousa e a fronteira portuguesa na zona do Rosal acolleron a rodaxe desta longa, que vén de ter a súa estrea internacional no Toronto International Film Festival e chegará ás salas o 11 de outubro
 

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu hoxe unha representación do equipo da longametraxe O corno con motivo da súa estrea a vindeira semana no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, onde chega como o primeiro filme en versión orixinal galega que participa na Sección Oficial deste prestixioso certame. O responsable de Cultura do Goberno galego tivo a oportunidade de felicitar persoalmente á realizadora Jaione Camborda por esta selección para competir pola Cuncha de Ouro, así como polo longo aplauso que recibiu na súa première internacional o pasado día 10 no festival de Toronto, en Canadá.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o conselleiro nesta xuntanza, á que tamén asistiron as actrices Carla Rivas e María Lado mais o actor Diego Anido, en representación do reparto desta coprodución internacional, subvencionada pola Xunta de Galicia. De feito, a empresa galega Esnatu Zinema contou con máis de 260.000 euros en axudas para este filme a través das convocatorias para produción audiovisual de 2020 e para o desenvolvemento previo de proxectos de 2019.

Evento especial do cinema galego

Román Rodríguez adiantoulles que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reforzará a promoción da película no Festival de San Sebastián cun acto especial arredor do cinema galego, que conta con outras tres representantes no certame donostiarra. Así, a película de animación O soño da sultana, con participación da galega Abano Producións, competirá tamén en Sección Oficial, mentres que Matria, de Matriuska Producciones, e Sica, de Miramemira, exhibiranse nos apartados Perlak e Made in Spain, respectivamente.

O corno é a segunda longa da directora vasca afincada en Galicia Jaione Camborda, quen en 2019 estreou a súa ópera prima, Arima, producida tamén co apoio da Xunta e pola que obtivo o premio á mellor dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla. Camborda é tamén guionista deste segundo traballo, que ela mesma produce xunto a Andrea Vázquez, de Miramemira, responsable doutros coñecidos títulos galegos como O que arde; e María Zamora, de Elastica Films, con películas como Alcarràs, Oso de Ouro na Berlinale de 2022. A fita conta, ademais, con participación belga e portuguesa.

 
Debut no cine de Janet Novás

A bailarina e creadora galega Janet Novás dálle vida á protagonista, no que é o seu debut como actriz de cine, e conta no reparto con Siobhan Fernandes, Carla Rivas, Daniela Hernán Marchán, María Lado, Julia Gómez, José Navarro, Nuria Lestegás e Diego Anido.

 

Rodada en galego e en portugués en diferentes localizacións das comarcas de Arousa e do Baixo Miño, ademais de no Alto Minho de Portugal, O corno está ambientada na Galicia rural dos primeiros anos setenta do pasado século para contar a historia de María, unha parteira que se ve obrigada a fuxir ao país veciño a través dunha antiga ruta de contrabandistas.

 

Tras o seu paso por San Sebastián, terá a súa estrea galega o 3 de outubro como filme inaugural do festival Curtocircuíto e chegará ás salas comerciais o día 11 dese mesmo mes.

 
Data de actualización: 20/09/2023