A Xunta publica a convocatoria de axudas por máis de 745.000 euros para que entidades sociais apoien e asesoren a mulleres vulnerables

O Goberno galego financia estes apoios con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas correspondente a Galicia

Avalará iniciativas a desenvolver entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024

As accións centraranse na atención, asesoramento, formación, conciliación e tratamento da saúde das vítimas da violencia de xénero e outras mulleres especialmente vulnerables como refuxiadas, inmigrantes ou reclusas
 

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as axudas coas que a Xunta apoiará programas de entidades sociais para impulsar o liderado da muller, o apoio ás mulleres en situación de especial vulnerabilidade e a loita contra a violencia de xénero.

O Goberno autonómico destina 744.250 euros, con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) correspondente á Comunidade, para financiar estas axudas dirixidas a entidades sociais que traballan con mulleres que se atopan en situación de vulnerabilidade: vítimas da violencia de xénero ou doutras violencias, en situación de explotación sexual-laboral ou de trata de persoas, inmigrantes, refuxiadas, reclusas, integrantes de minorías étnicas, etc. 

No marco destas actuacións, apoiaranse accións de aloxamento, acollemento, atención e asesoramento, formación e información para o liderado da muller, e propostas que incidan na conciliación. Poderán recibir financiamento, por outra banda, programas de tratamento integral para vítimas da violencia de xénero, os que promovan a súa protección e seguridade, así como os que incidan na saúde.

As entidades beneficiarias recibirán achegas mediante anticipos este 2023 aínda que o período para desenvolver os seus programas irá do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2024. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 20 de outubro.

No último lustro, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinou máis de 3 millóns de euros no marco desta convocatoria a financiar un total de 161 programas de interese xeral das entidades beneficiarias.  O ano pasado, os cartos chegaron a 39 iniciativas, que recibiron máis de 740.000 euros.

Data de actualización: 20/09/2023