A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presentou estas iniciativas na xornada Smart Water Summit 2023, en Madrid

A Xunta destaca os proxectos Innovaugas 4.0 e Merlín como ferramentas para avanzar na modernización do ciclo da auga a través da innovación e a dixitalización

A Xunta, a través do programa Innovaugas 4.0, traballa para acadar a xestión integrada avanzada das augas e dar resposta a longo prazo ás diferentes demandas, en equilibrio co medio natural e atendendo a desafíos como o cambio climático

Os obxectivos da iniciativa son mellorar a xestión hídrica, aumentar a resiliencia ante o cambio climático e incorporar o modelo de economía circular ao ciclo da auga

Este proxecto promovido pola Xunta para acadar solucións novas para a xestión das augas está dotado dun orzamento de 7 M€

Augas de Galicia tamén presentou Merlín, un sistema de alerta temperá baseado nas predicións meteorolóxicas para dar avisos de risco de inundacións, podendo anticiparse e adoptar as medidas necesarias para protexer a poboación e o medio ambiente

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023 A Xunta destaca os proxectos Innovaugas 4.0 e Merlín como ferramentas para avanzar na modernización do ciclo da auga a través da innovación e a dixitalización.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o coordinador de Innovaguas 4.0, Enrique Benavides, participaron este martes en Madrid na xornada Smart Water Summit 2023, na que distintas administracións hidráulicas presentaron avances na modernización da xestión da auga.

Os representantes de Augas de Galicia pronunciaron un relatorio baixo o título Tratamento avanzado de datos ao servizo da Administración Hidráulica de Galicia-Innovaugas 4.0 e Merlín.

No que se refire ao proxecto Innovaugas 4.0, a Xunta destacou o obxectivo de acadar a xestión integrada avanzada das augas para optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga.

Esta iniciativa, tal e como explicaron, pon o acento na xestión da auga en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando os obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

A iniciativa busca mellorar a xestión dos recursos hídricos e do medio ambiente, aumentar a resiliencia ante o cambio climático e incorporar o modelo de economía circular á xestión do ciclo da auga.

O proxecto Innovaugas 4.0, impulsado pola Xunta, conta cun investimento de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

En relación ao programa Merlín, a directora de Augas de Galicia explicou que é un mecanismo de alerta temperá baseado nas predicións meteorolóxicas para dar avisos de risco de inundacións, permitindo unha maior anticipación para a adopción das medidas necesarias para protexer a poboación e o medio ambiente.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, está a impulsar a utilización de ferramentas de recompilación, procesado e interpretación de datos en tempo real para o apoio á toma de decisións no ámbito da xestión da auga, especialmente ante eventos como as enchentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023