A Xunta inviste 100.000 € na renovación do pavimento dos pantaláns do porto de Baiona como estaba previsto no plan autonómico

O presidente de Portos de Galicia visitou as instalacións nas que se están a executar os traballos, enmarcados nun programa para diversas instalacións da comunidade cun orzamento global de 1,2 millóns de euros

Baiona (Pontevedra), 19 de setembro de 2023 A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, inviste preto de 100.000 euros na renovación do pavimento dos pantaláns do porto de Baiona, uns traballos que comezaron esta semana. O presidente do ente público, José Antonio Álvarez, comprobou esta mañá o inicio das tarefas nunha visita ás instalacións acompañado polo alcalde da localidade, Jesús Vázquez Almuíña.

O responsable do organismo autonómico informou de que esta actuación está incluída no plan global de renovación destes elementos que Portos de Galicia está a executar desde comezos de ano en 11 peiraos autonómicos. No porto de Baiona, tal como se informou ao sector portuario en sendas reunións con axentes náuticos e pesqueiros o pasado mes de maio, renóvase o pavimento dos pantaláns profesionais así como dos de náutica de recreo de xestión directa do ente público e o de pasaxe.

Portos de Galicia destina un total de 1,2 millóns para substituír os pavimentos dos pantaláns danados polo propio uso ou pola acción do mar: Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), O Xufre (A Illa de Arousa), Tragove (Cambados), As Goritas (Cambados), Bueu, Cangas, Moaña, Cesantes (Redondela), Baiona, Porto do Son e Rianxo.

Actualmente atópanse en execución as obras de Baiona e o Xufre e nos vindeiros días comezarán as de Tragove, mentres que no resto das instalacións xa remataron os traballos de renovación. No caso de Baiona, o inicio da obra planificouse para finais do verán para non interferir co alto nivel de actividade náutica que rexistra o municipio, especialmente na época estival.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 19/09/2023