A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta tarde o campo de fútbol de Caranza onde se desenvolven as sesións

Un total de 71 rapaces participan nas actividades do plan Corresponsables que a Xunta financia en Ferrol a través da Real Federación Galega de Fútbol

Este plan, que conta cun orzamento próximo aos 2,8 M€, promove a conciliación ao habilitar servizos de coidado profesional ao tempo que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova

Ferrol, 19 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta tarde o campo municipal de Caranza onde un total de 71 rapaces participan estes días nas propostas de animación sociodeportiva que a Real Federación Galega de Fútbol organiza en Ferrol no marco do Plan Corresponsables.

O Plan Corresponsables, dotado este ano de 2,8 M€, é un programa froito da colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte co que a Xunta promove a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres con fillos menores a cargo, a través da financiación de actividades de animación sociodeportiva organizadas por distintas federacións deportivas.

Neste caso, as sesións celébranse dous días á semana e están dirixidas por técnicos titulados e contratados pola Real Federación Galega de Fútbol na modalidade de fútbol.

Durante a visita, a delegada territorial puxo en valor “o compromiso da Xunta coa mellora da calidade de vida a través da práctica deportiva e con propostas de conciliación que, neste caso, tamén permiten o equilibrio entre o tempo laboral, familiar e persoal” e mostrou o seu convencemento de que a conciliación “é o mellora camiño para acadar a igualdade real”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2023