Rivo clausura o obradoiro de emprego Terra de Mosteiros 2022 que formou 20 persoas desempregadas en especialidades forestais e para a construción

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no acto de peche desta acción, apoiada pola Xunta con medio millón de euros
 

No período 2023-2024, o investimento en obradoiros duais para persoas desempregadas rozará os 39 millóns para chegar a uns 1.400 beneficiarios
 

Paderne de Allariz (Ourense), 19 de setembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, presidiu hoxe a clausura do obradoiro dual de emprego Terra de Mosteiros 2022, apoiado pola Xunta de Galicia e desenvolvido pola Mancomunidade de Ourense. A actividade que agora remata permitiu a formación de 20 persoas desempregadas en especialidades con demanda nesta área, relacionadas coa conservación de montes e revestimentos para a construción.

Grazas a un investimento de máis de medio millón de euros a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade permitiu a formación dos alumnos-traballadores. Estas accións brindan oportunidades aos seus beneficiarios ao abrirlles unha porta ao mundo laboral e contribuír, por outra banda, a desenvolver actuacións de mellora nos seus concellos.

O obradoiro Terra de Mosteiros, permitiu, así, realizar actuacións nos concellos de Esgos, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadañedo e Parada do Sil. Entre outras accións, recuperáronse lavadoiros, fontes e muíños, rutas de sendeirismo e se acometeron tratamentos silvícolas en diferentes puntos.

A Xunta de Galicia está a avogar pola formación como un dos mecanismos fundamentais para dinamizar o emprego. Os obradoiros son prioritarios neste obxectivo.  Poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades -como a de hoxe- ou entidades públicas dependentes. Ofrecen ao alumnado 12 meses formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas da contorna na que se celebran.

Ao remate dos obradoiros, as alumnas e alumnos poden obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa en ocupacións do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta.

Estas accións, que priorizan como beneficiarias a persoas desempregadas con dificultades para acceder ao mercado de traballo, contribúen a reforzar a colaboración da Xunta de Galicia cos concellos.

O Goberno autonómico destinará no período 2023-2024 un total de 38,9 millóns de euros á celebración de obradoiros duais de emprego como o hoxe clausurado en Ourense, cos que pretende mellorar a formación laboral e as posibilidades de inserción dunhas 1.400 persoas desempregadas. Desde 2009, Galicia leva destinados máis de 412 millóns de euros aos obradoiros, nos que se formaron máis de 17.700 persoas. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2023