A Xunta realiza traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de tres ríos ao seu paso polo concello de Pontevedra

As tarefas están a comezar polo río Gándara e continuarán polos treitos interurbanos dos ríos Rons e Cons

Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude de máis de 2,2 km

As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de tres ríos, no concello de Pontevedra.

Estes traballos están a comezar polo río Gándara e continuarán polos treitos interurbanos dos ríos Rons e Cons.

As tarefas enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.

Os treitos interurbanos nos que se están levando a cabo estas tarefas suman unha lonxitude total de máis de 2,2 km. As intervencións céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-sur e nas súas zonas de acceso e protección.

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2023