Rivo avalía en Ourense coa Federación Galega de Talleres e cos empresarios da construción as súas demandas para xerar máis emprego de calidade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade reuniuse, dun lado, co presidente da Federación Galega de Talleres e de Atave, Ricardo Borrajo, e doutra parte, co máximo representante da Asociación de Empresarios da Construción (ACO), Santiago Ferreiro

Ourense, 19 de setembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, reuniuse hoxe cos presidentes da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense (ACO), Santiago Ferreiro, e da Federación Galega de Talleres e da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (Atave), Ricardo Borrajo, para avaliar a situación destes dous sectores co reto de seguir a impulsar neles a xeración de emprego de calidade e a mellora da formación para dar resposta, entre outros, ás vacantes laborais.

Rivo escoitou as principais demandas das dúas entidades -dúas asociacións con moito peso na provincia ourensá- co reto de avaliar as súas peticións e poder atendelas.

Dun lado, a Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense (ACO) representa ás empresas desta actividade económica da provincia ofrecéndolles formación continúa e gratuíta a empresarios e traballadores e servizos de asesoramento nos eidos xurídicos e laboral na prevención de riscos laborais, entre outros.  A Asociación Provincial de Talleres e Reparación de Vehículos de Ourense (Atave), doutra parte, conta con 400 empresas asociadas que supoñen o 95 % do total dos talleres da provincia. A federación galega, integrada por cinco entidades (ademais da ourensá ten representación na Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Lugo) engloba máis de 2.100 compañías e 8.400 empregos, o que significa o 90 % do censo de talleres existente.

Nas xuntanzas, a conselleira destacou que a Xunta está a traballar para dinamizar o emprego en Galicia a través da formación e do emprendemento. No eido da cualificación, explicou que o Goberno galego está a deseñar un marco normativo que regule as microcredenciais, unha ferramenta que facilita Europa e que permitirá ás empresas unha formación non regrada axustada a súa actividade co reto de casar oferta e demanda, cubrindo as vacantes laborais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2023