A Xunta inicia a execución de actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de catro regos no concello de Lourenzá

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de máis de 11,7 km

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

A entidade hidráulica da Xunta continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, iniciou hoxe as actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano de catro regos, no concello de Lourenzá.

Estas tarefas están a levarse a cabo nos treitos interurbanos dos regos de Batán, de Recemil, de Arroxo e no rego de Baus.

Os traballos desenvolveranse nunha lonxitude de preto de máis de 11,7 quilómetros, no percorrido destes regos por distintos lugares do municipio.

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os regos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2023