A Xunta conmemora o Día Mundial do Doante de Medula Ósea salientando a importancia desta forma de doazón

Julio García Comesaña participa en Vigo no acto organizados por ADOS con motivo do Día Mundial do Doante de Medula Ósea
 

Galicia conta con 14.140 persoas inscritas no REDMO, Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea, que ten na actualidade máis de 468.000 doantes dispoñibles en toda España
 

Coincidindo con esta efeméride, ADOS estreará nas súas redes sociais a curtametraxe gañadora do VIII Concurso universitario de curtametraxes relacionados coa doazón e co transplante de medula ósea
 

Vigo, 16 de setembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sumouse ao acto de celebración organizado pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) na Rúa Príncipe de Vigo con motivo do Día Mundial do Doante de Medula Ósea, que se conmemora este sábado 16 de setembro. No acto, estivo acompañado pola delegada territorial dd Xunta en Vigo, Ana Ortiz, polo director de xestión e servizos xerais de ADOS, José Luis Beiras Padella, e polo presidente da Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI), Celso García Estévez.

O titular da carteira de Sanidade subliñou que, no ano 2022, Galicia acadou 640 novos doantes inscritos no Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea (REDMO), que ten un total de 14.100 galegos e galegas. Así, en Galicia realizáronse nove doazóns efectivas ao longo do pasado ano para enfermos de distintos países, mentres que nos hospitais galegos efectuáronse 33 transplantes a partir de doantes non emparentados.

Ademais, Julio García Comesaña salientou o labor de ADOS como centro de referencia en Galicia para o rexistro de doantes de medula ósea, integrado no REDMO. “Cando un equipo médico solicita un doante compatible, o REDMO busca entre os máis de 40 millóns de doantes de medula ósea que hai rexistrados en todo o mundo e a Organización Nacional de Transplantes (ONT) asegura que Galicia ten experimentado unha notable evolución no número de doantes inscritos”, remarcou o conselleiro ao falar do papel esencial que teñen as persoas que doan medula ósea, xa que sería imposible de obter de maneira artificial e permite salvar a vida a moitos enfermos.

Dentro dos actos de conmemoración do Día Mundial do Doante de Medula Ósea, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue contou cunha mesa informativa na Rúa do Príncipe de Vigo para divulgar e informar a todas as persoas interesadas sobre este xeito de doazón.

Plan Nacional

Na actualidade, ADOS leva a cabo as medidas correspondentes ao desenvolvemento da terceira fase do Plan Nacional de Medula Ósea, que ten como obxectivo lograr un nivel de autosuficiencia do 35% de doantes non emparentados durante o presente ano; chegando ao 34% no 2022, o que representa un aumento de 30 puntos porcentuais dende 2012; sendo esta unha das liñas principais de traballo da Estratexia Nacional de Transplante de Proxenitores Hematopoéticos para o quinquenio 2020-2025 (ENTPH).

Un dos elementos máis destacables da ENTPH, e no que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue está traballando, é o programa de accións encamiñadas a mellorar o coñecemento da actividade de transplante de proxenitores hematopoéticos, máis coñecido como transplante de medula ósea.

Neste caso, a unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibilidade de ADOS dispón dunha certificación da European Federation for immunogenetics (EFI), dende o ano 1998, renovada de maneira periódica. Esta unidade, que dispón da tecnoloxía máis avanzada, pon de manifesto o compromiso do sistema sanitario público galego con este tipo de doazón.

Ademais, dende hai 10 anos, ADOS, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición da cidadanía a páxina web galicia.medulaosea.org, que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Lémbrase que poden ser doantes de medula ósea, as persoas de 18 a 40 anos que non padezan ningunha enfermidade grave ou transmisible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2023