O conselleiro do Medio Rural asistiu á Festa da Pataca de Coristanco e puxo en valor a aposta do Goberno galego por este tubérculo e polos produtos agroalimentarios en xeral

A Xunta destaca que a futura Lei da calidade alimentaria reforzará a protección dos produtos do agro e potenciará a súa excelencia

José González salientou o labor da Xunta en materia de mobilización de terras e que precisamente en Coristanco se traballa na posta en marcha dun polígono agroforestal
 

Salientou a próxima posta en marcha dunha campaña de promoción do consumo do produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia na que se investirán 300.000 euros
 

Coristanco (A Coruña), 16 de setembro de 2023.- A futura Lei da calidade alimentaria reforzará a protección das producións do agro galego, como a pataca, e intensificará a identificación dos alimentos con Galicia e coa súa excelencia. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na 41ª Festa da pataca de Coristanco. 

Neste evento, o conselleiro lembrou que a Xunta remitirá proximamente ao Parlamento este proxecto de lei e salientou que, coa nova norma, Galicia será a primeira comunidade española en contar cunha certificación de sustentabilidade alimentaria. Ademais, José González trasladou que se afondará, así mesmo, na profesionalización dos consellos reguladores, melloraranse os controis da calidade, en beneficio dos produtores e dos consumidores e potenciarase o papel do sector, con novos órganos de participación e consulta, entre outras novidades do proxecto. 

Mobilización de terras

Asemade, o conselleiro puxo en valor o labor da Xunta para apoiar en particular o cultivo de pataca e, en xeral, para fomentar a agricultura e a gandaría mediante a mobilización de terras, co fin de facilitar a rendibilidade e a competitividade das explotacións. Neste sentido, González valorou a Lei de recuperación da terra, que en pouco máis de dous anos de vixencia permitiu poñer en valor unhas 10.000 hectáreas, con 21 aldeas modelo e 24 polígonos agroforestais, entre outras ferramentas.  

O conselleiro mencionou, así mesmo, que precisamente en Coristanco trabállase, da man dos veciños, para a posta en marcha dun polígono agroforestal, que beneficiará tamén o veciño concello de Carballo. Permitirá mobilizar preto de 85 hectáreas distribuídas en 407 parcelas propiedade de 261 titulares. 

Promoción do consumo de pataca

Neste contexto, o titular de Medio Rural puxo en valor tamén que a Festa da pataca é un evento que contribúe a exaltar un produto “xa de por si senlleiro” do agro galego e que a Xunta apoia con iniciativas como a campaña de promoción que vai poñer en marcha proximamente. Será, incidiu González, unha acción encamiñada a promover o consumo do tubérculo amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia que suporá un investimento de 300.000 euros e que se levará a cabo tras a recollida do produto. 

Asemade, o conselleiro apuntou que a produción amparada por este selo de calidade supera anualmente os 6,2 millóns de quilos, cun valor económico estimado de máis de tres millóns de euros e preto de 700 hectáreas de superficie plantada. Están adscritos ata 90 produtores e 12 almacenistas en toda Galicia, remarcou. 

Mercado de artesanía

A Xunta participa nesta edición da Festa da Pataca de Coristanco cun mercado de Artesanía Alimentaria no que diferentes artesáns ofrecen os seus produtos aos veciños e visitantes. En concreto, forman parte desta iniciativa un total de 22 empresas que xa contan co distintivo de Artesanía Alimentaria e que presentan producións que van dende o mel ata os patés, pasando polas marmeladas, o chocolate, o aceite ou a cervexa, entre outras.  

Segundo o conselleiro, con este mercado -organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria- trátase de poñer en valor a excelencia da artesanía alimentaria galega, mediante un evento que xa se celebrou con gran éxito na localidade pontevedresa de Lalín e que se vai levar tamén a outras citas gastronómicas da comunidade. 

Nesta liña, cómpre lembrar que actualmente hai máis de 80 empresas adheridas e máis de 110 persoas artesás rexistradas neste distintivo de calidade promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2023