Alfonso Villares enxalza o traballo dos profesionais do marisqueo da zona de Campelo e a dedicación total de Rosa Quintana na defensa do sector

Poio (Pontevedra), 15 de setembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu hoxe en Campelo a un acto de homenaxe a preto dunha vintena de mariscadoras e mariscadores da localidade que se xubilaron no último ano e ao recoñecemento á exconselleira do Mar, Rosa Quintana, polo seu labor a prol dos intereses do sector marítimo-pesqueiro durante toda a súa traxectoria profesional. O titular de Mar salientou o esforzo e entrega dos profesionais do marisqueo da zona para poñer uns manxares exquisitos nos pratos dos consumidores e enxalzou a dedicación e traballo constante da súa predecesora, responsabilidade que ostentou durante preto de 14 anos.

Alfonso Villares puxo en valor que Rosa Quintana conta cunha vida dedicada totalmente ao mar de Galicia e lembrou que se trata dunha muller sempre aberta ao diálogo para que o sector marítimo-pesqueiro avance. Nesta liña, incidiu en que a senda de traballo marcada é clara e mostrou o seu convencemento de que, nas responsabilidades que teña no futuro, a exconselleira seguirá defendendo os intereses do sector pesqueiro galego. Con este evento, que se enmarca na Festa da Ameixa de Campelo 2023, o Concello e as confrarías de Raxó, Lourizán e Pontevedra -xestoras da lonxa local- pretenden enxalzar o duro traballo dos profesionais do mar da zona e a súa tradición e cultura mariñeiras.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 15/09/2023