O Museo do Mar de Galicia acollerá durante os próximos meses a exposición en homenaxe a Fernández del Riego

O secretario xeral de Política Lingüística e a delegada territorial da Xunta en Vigo participan na apertura da mostra enmarcada na programación das Letras Galegas

Vigo, 15 de setembro de 2023 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron hoxe na inauguración da exposición Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito, impulsada pola Xunta de Galicia e producida por Editorial Galaxia coa colaboración da Fundación Penzol e a Real Academia Galega para dar a coñecer a figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2023.

Os representantes do Goberno galego quixeron deixar constancia de que as Letras Galegas non son exclusivas dun único día, “senón que durante todo este ano celebramos a lingua galega e a don Paco, que tanto fixo por ela, agora desde Vigo, desde onde axudou a crear a Editorial Galaxia e a Fundación Penzol, da que tamén se conmemora o 60 aniversario”.

No acto celebrado no Museo do Mar de Galicia, que acollerá a exposición durante os próximos meses, tamén participaron, Marta Lucio, directora do dito Museo; Malós Cabrera e Malores Villanueva, co-comisarias da mostra; Manuel Puga, vicepresidente primeiro de Editorial Galaxia e presidente da Fundación Penzol; Xesús Alonso Montero, académico da Real Academia Galega, familiares de Fernández del Riego e representantes institucionais.

Esta exposición enmárcase na programación de máis dun centenar de accións que o Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración con numerosas empresas, entidades, administracións locais e editoriais, impulsan para celebrar durante todo o ano o 60 aniversario das Letras Galegas e homenaxear a Francisco Fernández del Riego.

Repaso pola vida e obra do autor

Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito repasa a traxectoria vital e profesional do autor homenaxeado, permitíndolle ao visitante asistir a un percorrido rigoroso e ameno para comprender quen foi, que legado nos deixou e o que implica a súa figura no proceso de consolidación do galego e da súa cultura nos tempos recentes.

A mostra, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva, consta de 14 paneis informativos e didácticos e mesas-vitrina con material gráfico e documental pertencente a Del Riego. Tras o seu paso por Lourenzá, onde se inaugurou o pasado 10 de maio, permanecerá os próximos meses en Vigo para pechar a súa itinerancia a finais de ano en Santiago de Compostela.

 

Data de actualización: 15/09/2023