O director xeral de relacións exteriores e coa que recibe o presidente da rexión autónoma da Illa do Príncipe, Filipe Nascimento

A visita realízase da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A Illa do Príncipe acolle o próximo mes o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá en Santiago co presidente da Rexión Autónoma da Illa do Príncipe (Santo Tomé e Príncipe) Filipe Nascimento.

A visita prodúcese no marco do convenio asinado este ano entre a Xunta e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para a execución do proxecto A Axenda 2030, un reto local nun mundo en transformación IV. No acordo prevese a celebración do VI Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que terá lugar na Illa do Príncipe (Santo Tomé e Príncipe) os días 23, 24, 25 e 26 de outubro, baixo o lema Gobernanza local para o desenvolvemento sustentable.

O Foro pretende ser un espazo de debate e reflexión sobre os desafíos que afrontan os municipios de países de lingua oficial portuguesa e galegos no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), así como valorar as posibilidades da cooperación municipio-municipio en torno á temática proposta. Así mesmo, darase a oportunidade de avanzar na consolidación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, da que o Fondo Galego é o principal impulsor. Á reunión asistiu tamén o presidente do Fondo Galego, Juan González.

Jesús Gamallo destacou que as alianzas de traballo cos países africanos de lingua oficial portuguesa (PALOP) constitúen un dos valores diferenciais da cooperación galega, en liña co interese estratéxico que representa o ámbito lusófono da África subsahariana para a acción exterior galega, tal e como establecen a Estratexia galega de acción exterior e a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2023