26 concellos galegos fanse co ouro no marco do programa Praias Sen Fume da Xunta

Cabanas e Oleiros súmanse por primeira vez a esta categoría, tras declarar todos os seus areais libres de fume

No marco do Plan Inspira Saúde, a Xunta decreta o 31 de outubro, como o Día Galego Sen Tabaco

A través desta iniciativa tamén se creará unha Rede Cidadá Inspira Saúde

Ponteceso (A Coruña), 15 de setembro de 2023

Un total de 26 concellos galegos fanse co diploma de ouro no marco do Programa Praias sen Fume da Xunta de Galicia, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, nun acto que tivo lugar no concello de Ponteceso, e que contou coa presenza da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, e do alcalde deste concello, José Manuel Mato Martínez.

O conselleiro remarcou o compromiso dos concellos que se fixeron co ouro ao incluír todas as súas praias na Rede. Este ano súmanse a esta categoría, Cabanas e Oleiros.

Os 26 concellos recoñecidos con esta distinción son, na provincia da Coruña, Bergondo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cedeira, Corcubión, Dumbría, Laxe, Mañón, Noia, Oleiros, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo e Valdoviño. Na provincia de Lugo, Cervo e Barreiros. Pola súa banda, na provincia de Pontevedra, os concellos que acadan este galardón son, A Guarda, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Ponteareas, Ponte Caldelas, Redondela, Sanxenxo, Tui e Vilaboa.

Esta iniciativa botou andar no 2016 cun fin educativo e de sensibilización social. Comezouse con 26 praias, -dixo o conselleiro-, “e a día de hoxe xa son 224 os areais galegos libres de fume, e isto é posible grazas á colaboración dos 80 concellos que participan activamente no programa, e que son exemplo do que se pode acadar cando unha comunidade se fixa un obxectivo común”.

O titular da carteira sanitaria puxo en valor que Galicia sexa un referente en temas de saúde, “servindo de modelo a outras comunidades, que xa valoran o carácter atractivo e innovador desta iniciativa”.

Tamén subliñou Comesaña o compromiso da Xunta de seguir ampliando os espazos libres de fume. Así, “xa está activa a Rede Galega de Parques sen Fume e, en maio, deste ano presentamos o Plan Inspira Saúde”, no marco do que o Goberno galego decretou o 31 de outubro como Día Galego Sen Tabaco e fixou a creación dunha Rede Cidadá Inspira Saúde.

Para rematar a súa intervención, Comesaña dixo que “a promoción de espazos libres de tabaco é unha chamada á acción para salvagardar a saúde e o benestar da cidadanía galega”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2023