A Xunta inviste 1 M€ en dous obradoiros de emprego en Ribadeo e Barreiros para formar preto de 40 persoas na atención sociosanitaria

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, estivo hoxe no acto de apertura dun programa de emprego para menores de 30 anos no que participarán 16 persoas durante 12 meses, combinando formación e práctica profesional
 

Sinalou que este programa orientado á atención de persoas dependentes -que complementa un obradoiro de emprego dual no que participaron outra vintena de persoas- abriralles as portas dun sector onde “ides ter futuro e traballo moito tempo”
 

Este ano destínanse máis de 27 millóns do euros ao fomento do emprego xuvenil, dos que 3,2 M€ son para obradoiros de emprego nos que se prevé acadar os 250 beneficiarios 

Ribadeo (Lugo), 15 de setembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe ao acto de apertura dun obradoiro de emprego para menores de 30 anos orientado á atención de persoas dependentes, no que están involucrados os concellos de Ribadeo e Barreiros. A conselleira destacou que a Xunta de Galicia inviste 1 millón de euros nesta iniciativa e nun obradoiro de emprego dual que finalizará nos próximos días, tamén dirixido a darlle un pulo ao eido sociosanitario nestes dous municipios.

Elena Rivo fixo fincapé en que “o emprego abre as portas do benestar e é a mellor política social”. Así, este obradoiro contribuirá a dinamizar a economía desta contorna, ao tempo que se axuda a atopar traballo a un dos colectivos prioritarios para o Goberno galego. Na súa intervención, salientou ademais que se centra na atención sociosanitaria a persoas dependentes, un sector onde “ides ter futuro e traballo moito tempo”. 

Así, o programa Tecendo coidados bota a andar xa e durará 12 meses, durante os que un total de 16 persoas mozas combinarán formación e práctica profesional. O investimento rolda o medio millón de euros, unha cantidade similar á destinada pola Xunta de Galicia ao obradoiro de emprego dual que rematará en breve e no que participaron outra vintena de persoas. A titular de Promoción do Emprego e Igualdade referiuse a estas iniciativas como un “exemplo do que debemos facer as institucións, unirnos para un ben común”.

Cómpre engadir que a Consellería destina este ano máis de 27 millóns de euros ao fomento do emprego xuvenil, dos que 3,2 millóns son precisamente para obradoiros de emprego coma estes, que prevén beneficiar en total unhas 250 persoas novas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2023