A Xunta apoia o ForoAcui como punto de encontro para abordar o futuro da pesca, o marisqueo e os cultivos mariños de Galicia

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou hoxe no acto de presentación do libro do XXIV Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui) e do programa do XXV ForoAcui, que se celebrará os días 5 e 6 de outubro no Grove. Unha industria dos cultivos mariños fundamental e estratéxica para e economía de Galicia, pois conta con preto de 2.600 empresas e máis de 5.600 traballadores que en 2022 lograron a maior facturación nos últimos 14 anos con 256 millóns de euros.

Antonio Basanta destacou a estreita colaboración entre as entidades que fan posible o foro, que se creou en 1998 como punto de encontro para comunicar a realidade e as perspectivas de futuro da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia. Na súa vixésimo quinta edición abordaranse cuestións como a evolución no último cuarto de século tanto dos cultivos mariños como da piscicultura na comunidade, o traballo do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ou a situación das empresas do sector.  

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 15/09/2023