A Xunta destaca en Madrid o éxito do Xuventude Mentoring, que facilita o tránsito do ámbito académico ao laboral

Nestes momentos está aberta a cuarta edición do programa que acumula xa preto de 430 participantes de 18 a 30 anos, dos cales ao redor da metade conseguiron un emprego
 

A iniciativa vénse de ampliar co ‘Xuventude Mentoring na Empresa’, que inclúe estadías formativas en compañías
 

Madrid, 15 de setembro de 2023  A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe o éxito que está a ter o ‘Xuventude Mentoring’, co que se facilita a xente nova o seu tránsito do ámbito académico ao laboral e se mellora a empregabilidade. Díxoo nunha mesa coloquio sobre esta iniciativa posta en marcha pola Xunta que se celebrou na Casa de Galicia en Madrid, e que contou tamén coa intervención de Lorena Cancela Jacobo, moza que participou na segunda edición deste programa e que actualmente traballa na sede central de Paradores Nacionais no departamento de Administración e Finanzas.  

Cristina Pichel sinalou que nestes momentos está aberta a cuarta edición do ‘Xuventude Mentoring” e que, ata o de agora, levan participado nesta proposta preto de 430 mozos de 18 a 30 anos de idade. Deles, ao redor da metade conseguiron un emprego e un 20% decidiron ampliar os seus estudos para mellorar a súa capacitación. Os participantes reciben formación, asesoramento e titorización, e ademais teñen a ocasión de facer a súa propia rede de contactos empresariais. 

A directora xeral sinalou que unha das razóns da boa acollida desta iniciativa é que na mesma están implicadas as tres universidades públicas de Galicia, así como o tecido empresarial galego e profesionais de éxito en distintos sectores que actúan como mentores dos mozos. Ademais, destacou que esta iniciativa amplíase co ‘Xuventude Mentoring na Empresa’, que inclúe estadías formativas en compañías. 

Premio Nacional de Xuventude para unha moza galega

Cristina Pichel tamén asistiu á entrega do Premio Nacional da Xuventude 2023, que entrega o Instituto de la Juventud (Injuve) e que nesta edición ten entre as distinguidas a Lucía Casal, unha moza galega de 19 anos que é gandeira e que recibiu o galardón na categoría de Medioambiente. Este recoñecemento destaca o traballo desta moza emprendedora en defensa dun modelo de produción sostible e respectuoso coa contorna natural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2023