A Xunta abre o proceso de selección de ata 12 artistas e bandas emerxentes para a segunda edición da súa aceleradora musical

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria deste procedemento, a través do que se destinan 250.000 euros á nova xeira desta iniciativa para impulsar carreiras musicais con especial potencial de proxección

O prazo de solicitudes está aberto ata o 16 de outubro

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades volverá contar coa Fundación Paideia como entidade colaboradora para a xestión deste programa

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do procedemento de selección de solistas e bandas galegas emerxentes para participar na segunda edición do seu programa de aceleración cultural de proxectos musicais, que lle dá continuidade ao actual Sonemerxente. Esta segunda xeira da iniciativa, que entrou en funcionamento o ano pasado, conta cun orzamento de 249.960 euros para poñer a disposición de formacións con especial potencial de proxección unha serie de ferramentas que lles faciliten un pulo engadido para o despegue das súas carreiras.

Ao igual que na primeira edición, poderán presentarse a esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, persoas traballadoras autónomas e microempresas do ámbito musical, con menos de seis anos de antigüidade e que desenvolvan a súa actividade profesional de forma habitual e maioritariamente en Galicia. As solicitudes deberán formalizarse a través da sede electrónica da Xunta desde mañá e ata o 16 de outubro.

Plan de lanzamento

Como resultado deste proceso seleccionarase un máximo de 12 proxectos musicais para a súa aceleración en dúas fases. A primeira delas consistirá nunha serie de consultarías individualizadas e grupais, tanto presenciais como telemáticas, que incluirán diferentes accións de mentorización arredor de cada un dos proxectos seleccionados, co foco posto na proposta artística, produción, promoción, comercialización e modelo de negocio. O obxectivo neste caso será a creación dos correspondentes produtos musicais, acompañados de cadanseu plan de lanzamento.

A segunda fase dedicarase á promoción e difusión dos proxectos a través da súa participación en circuítos de concertos, festivais e mercados profesionais, dentro e fóra de Galicia, ademais de nun evento final de presentación das propostas.

No treito final desta segunda etapa atópase precisamente a primeira edición da aceleradora musical da Xunta, a través da que se están a impulsar as propostas de 10 artistas: Zeltia Irevire, Adrian Timms, Ani Baires, Paraíso Canto, Law, Hydn, Helena Egea, Samudra Trio, Mondra e De Ninghures.

No marco deste mesmo programa, financiado ao abeiro dos fondos NextGeneration e do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, vén de publicarse tamén a resolución do proceso público polo que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades volverá contar coa Fundación Paideia Galiza como entidade colaboradora na xestión da aceleradora musical.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2023