17 de setembro, Día Mundial da Seguridade do Paciente

Máis dun millón de persoas acceden xa á súa historia clínica grazas á plataforma É-saúde

A subdirectora xeral de Humanización e Atención á Cidadanía do Sergas participa na mesa de debate sobre Escolas de Pacientes organizada polo Ministerio de Sanidade

Galicia facilita o acceso da cidadanía á información sobre a súa saúde coa consulta da historia clínica na plataforma É-Saúde, na que están rexistradas 1,2 millóns de persoas

A Seguridade do Paciente é un dos obxectivos operativos da Estratexia Galega de Saúde 2030, que se comezou a tramitar no último Consello da Xunta

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023

O Servizo Galego de Saúde informou de que 1,2 millóns de persoas están rexistradas na plataforma É-Saúde, que permite o acceso de cada paciente á súa propia historia clínica no marco da xornada organizada este venres en Madrid polo Ministerio de Sanidade con motivo do Día Mundial da Seguridade do Paciente que se conmemora o 17 de setembro.

A subdirectora xeral de Humanización e Atención á Cidadanía, Josefina Monteagudo, detallou o funcionamento da Escola Galega de Saúde para a Cidadanía nunha mesa de debate xunto a representantes de Asturias, Cantabria, Andalucía e as Illas Baleares.

En liña co lema da Organización Mundial da Saúde ‘Demos voz aos pacientes!’, o Sergas facilita a súa participación ofrecendo a posibilidade de consultar en calquera momento e lugar a súa historia clínica a través da app Sergas Móbil. Ademais, ofrécese a posibilidade de que cada paciente introduza información na súa carpeta persoal (PHR) de É-Saúde para acordar cos seus profesionais sanitarios a remisión de informes ou fotografías sobre o control da súa saúde.

No primeiro semestre deste ano, a Escola Galega de Saúde para a Cidadanía realizou 215 actividades formativas presenciais, coa participación de 4.541 persoas.

No mesmo sentido, a Estratexia Galega de Saúde 2030, que este xoves no Consello da Xunta comezou a súa tramitación, inclúe como un dos seus obxectivos operativos a seguridade do paciente e xa na súa elaboración contou coa participación, entre outras entidades, de asociacións de pacientes.

Do mesmo xeito, na actualidade están en funcionamento nas sete áreas sanitarias e a nivel autonómico os Consellos Asesores de Pacientes, integrados polas asociacións de pacientes e as súas familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2023