A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe a contorna na que se vai actuar

A Xunta e o concello de San Cibrao das Viñas colaboran na humanización da praza central da localidade cun investimento de preto de 130.000 euros

Ángeles Vázquez explica que esta actuación se levará a cabo ao abeiro do Plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar aos municipios a financiar este tipo de proxectos que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza

San Cibrao das Viñas (Ourense), 15 de setembro de 2023
 
A Xunta e o Concello de San Cibrao das Viñas avanzan no proxecto para humanizar a praza central da localidade logo da recente adxudicación por parte do Goberno galego do contrato para levar a cabo esta actuación, segundo dixo hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita á contorna na que se vai actuar, na que estivo acompañada pola alcaldesa da localidade, Marta Nóvoa.

A vicepresidenta segunda explicou que este proxecto prevé a substitución do pavimento actual por un novo de granito, enlazando o existente na rúa contigua, ademais da limpeza do muro de pedra. Tamén se instalará unha nova varanda, repararase a fonte e colocarase mobiliario urbano -bancos de pedra, papeleiras e macetas-.

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, que, como lembrou Ángeles Vázquez, é un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.

Nesa liña, cómpre subliñar que, grazas aos acordos de cooperación asinados no marco do Plan hurbe, desde o ano 2010 se mobilizaron ao redor de 165 millóns de euros para financiar máis de 415 intervencións urbanísticas, das que preto de 170 se levaron a cabo na provincia de Ourense, co obxectivo común de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor contornas urbanas e núcleos rurais

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2023