Román Rodríguez salienta o impulso das ensinanzas artísticas coa aposta pola especialización e o reforzo de novos itinerarios formativos

O titular de Educación destaca que o novo itinerario de Xoiaría ofertado por primeira vez enche as súas prazas este curso

Tamén se referiu á implantación do primeiro Máster en Ensinanzas Artísticas en Galicia, impartido no Conservatorio de Música Superior de Vigo, ou o reforzo da formación en linguas estranxeiras

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, en Santiago de Compostela, onde puxo en valor as distintas iniciativas postas en marcha pola Xunta para o impulso destas ensinanzas.

Referiuse á implantación de novos itinerarios formativos e especializacións, así como ao aproveitamento dos 16 centros da rede pública (os nove conservatorios de Música, as catro Escolas de Arte e Superiores de Deseño, a Escola de Arte Dramática, a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais e o Conservatorio de Danza) como canteira cultural a través do Plan Educ-Arte e á celebración da feira Innovart como o gran evento de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas.

Aposta polas novas tecnoloxías

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago é a única de toda Galicia que oferta por primeira vez este curso o itinerario desagregado de Xoiaría e complementos na especialidade de Produto, cunha moi boa acollida por parte do alumnado xa que “se cubriron por completo as 15 prazas ao pouco de ofertalas”, indicou o conselleiro. Neste senso, salientou a “oportunidade” deste itinerario formativo específico “que dá resposta ás demandas dun sector moi arraigado na nosa artesanía como é a ourivería, no que se introduce un salto de calidade no plan de estudos coa formación en novas tecnoloxías”.

Nesta mesma liña enmárcase tamén a implantación do primeiro Máster en Ensinanzas Artísticas que se imparte en Galicia. Enfocado á Creación, Interpretación e Investigación Musical, ofértase no Conservatorio de Música Superior de Vigo. Tamén ao reforzo da formación en linguas estranxeiras nas ensinanzas de réxime especial como a incorporación do plurilingüismo no Ciclo Superior de Fotografía na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo e novas seccións bilingües na Escola de Arte Dramática de Vigo e no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.

Doutra banda, a Consellería ten previsto aprobar o Plan Educ-Arte co obxectivo de que os centros de ensinanzas artísticas exerzan de polo tractor da canteira cultural galega. Outra das novidades que se consolidará no futuro é a feira Innovart, celebrada por primeira vez este ano e que, segundo dixo o conselleiro, “nace con vocación de consolidación como escaparate da calidade das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas” que se imparten na rede pública galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2023