A Xunta incrementa nun 20% o orzamento para que os estudantes das universidades galegas realicen programas de mobilidade en países extracomunitarios

As axudas oscilan entre os 1.700€ para intercambios dentro de Europa e unha nova bolsa de 2.500€ para as estadías no resto de países do mundo
 

O Goberno galego contribúe a paliar os efectos da inflación sobre este tipo de programas de mobilidade, garantindo a igualdade de oportunidades
 

O prazo de presentación está aberto ata o 16 de outubro
 

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia incrementa este ano nun 20% o orzamento para o programa de mobilidade de estudantes universitarios en países extracomunitarios fóra do programa Erasmus+, que acada os 284.000€.

Por primeira vez esta convocatoria diferencia a dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria en función de onde realice o programa de mobilidade. Así, a contía para os estudantes que participen en intercambios en países de Europa mantense en 1.700€ e establécese unha nova axuda de 2.500€ para as estadías no resto do mundo.

Deste xeito, o departamento educativo do Goberno galego contribúe a paliar os efectos da inflación sobre este tipo de programas de mobilidade, facilitando que calquera estudante poida participar neles en igualdade de oportunidades, independentemente da súa situación económica.

Poderá solicitar estas bolsas o alumnado que estea matriculado no curso 2023/24 en calquera das universidades públicas galegas, en estudos oficiais conducentes a unha titulación de grao e que teña autorizada a súa participación no programa de mobilidade pola súa correspondente universidade.

 

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 16 de outubro. Formalizaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e, unha vez realizada a solicitude, deberá ser asinada con calquera dos sistemas admitidos pola sede electrónica e enviada polo procedemento establecido.

 

Experiencia internacional

O obxectivo desta liña de axudas é favorecer a participación da mocidade galega en programas de mobilidade en universidades estranxeiras que lles permitan incrementar o seu haber lingüístico e cultural. A natureza destas experiencias permítelle ao alumnado integrarse nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos académicos, profesionais e persoais en xeral.

 

Ademais destas bolsas, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades convoca anualmente as complementarias para o alumnado das universidades públicas galegas que participa no programa Erasmus+, que para o pasado curso contaron cun orzamento de 1,5M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2023