O conselleiro do Mar participou na inauguración da xornada de presentación dos resultados do Proxecto Platicas

Galicia aposta por aproveitar o potencial do medio mariño como motor de crecemento e desenvolvemento sustentable das zonas costeiras

O titular de Mar pon en valor o Proxecto Platicas, no que participan o Centro Tecnolóxico do Mar e a Autoridade Portuaria de Vigo, para avaliar as posibilidades de impulsar as actividades vencelladas co mar

Alfonso Villares salienta que esta estratexia coincide co traballo de colaboración e consulta que está a realizar a Xunta para deseñar a Axenda da Economía Azul Sostible, na que se incluirán as vantaxes e oportunidades que ofrecen os sectores económicos vencellados co eido marítimo-pesqueiro

O conselleiro destaca tamén a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos da comunidade como outra das ferramentas pioneiras da autonomía que permitirá afrontar os problemas e necesidades reais do sector a través da investigación
 

Vigo, 15 de setembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe na inauguración da xornada de presentación dos resultados do proxecto Plataforma Atlántica Interterritorial para un Crecemento Azul Sostible (Platicas), que ten como socios en Galicia ao Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e á Autoridade Portuaria de Vigo. Alí destacou a aposta realizada nos últimos anos por Galicia para recoñecer a importancia do mar como motor de riqueza e o seu gran potencial para a innovación e o crecemento sustentable.

O titular de Mar aproveitou para poñer en valor o proceso consultivo e colaborativo que abriu a Xunta de Galicia hai uns meses co obxectivo de elaborar a Axenda da Economía Azul Sostible. Este documento estratéxico pretenden incluír unha planificación con todas as oportunidades e vantaxes competitivas que os diferentes sectores e actividades relacionadas co mar poden aportar ao conxunto da economía.

Alfonso Villares vinculou tamén esta aposta con outra ferramenta pioneira como Redemar. A Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia, que cumpre un ano desde a súa creación, estreita a colaboración entre os profesionais do mar e a ciencia e permite afrontar os problemas e necesidades reais do sector, intercambiando experiencias e coñecementos e investigando para aportar solucións.

Son aspiracións, incidiu o conselleiro, que tamén ten a plataforma Platicas, unha iniciativa que busca unha estandarización, integración e transferencia do coñecemento sobre o crecemento azul sustentable arredor da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola no espazo atlántico. Algúns dos seus obxectivos específicos pasan por determinar os retos e consecuencias do cambio climático nestes sectores ou deseñar unha rede de coordinación para a xestión de especies exóticas invasoras, entre outros.

Esta iniciativa pretende ademais fomentar a colaboración intersectorial e entre institucións en favor da economía azul do futuro, a procura de solucións conxuntas a problemas comúns e deseñar unha planificación para o desenvolvemento dos sete Espazos de Coñecemento sobre Crecemento Azul no Atlántico español.

Rede Nacional de Espazos de Coñecemento

O proxecto Platicas enmárcase na Rede Nacional de Espazos de Coñecemento, impulsada pola Dirección Xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura da Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Este instrumento funciona como unha canle de transferencia de coñecemento no marco da estratexia de crecemento azul.

Estes espazos de coñecemento son estruturas integradas por profesionais, confrarías, centros de investigación ou empresas que actúan como catalizadores do progreso cara a unha economía máis fundamentada no mar que, ademais da pesca extractiva, inclúe a acuicultura mariña e continental e a transformación e comercialización dos seus produtos.

O Instituto de Hidráulica Ambiental da Universidade de Cantabria, líder do Espazo de Coñecemento cántabro, é o coordinador de Platicas, que ten como socios aos responsables do resto de espazos declarados polo Ministerio en cada comunidade, entre eles o Cetmar e a Autoridade Portuaria en Galicia; Fundación AZTI en País Vasco; a Universidade de Oviedo en Asturias; a Universidade de Cádiz en Andalucía; e a Plataforma Oceánica de Canarias (Plocan) xunto coa Universidade das Palmas de Gran Canaria.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 15/09/2023