O conselleiro do Mar participou na benvida institucional aos asistentes á XI Conferencia Mundial do Atún, organizada por Anfaco-Cecopesca

Galicia reclama a creación dun PERTE mar-industria e a rebaixa do IVE dos produtos pesqueiros como medidas clave para blindar o futuro do sector

A Xunta pide unha maior implicación do Executivo central na defensa dos intereses da industria, fundamental para Galicia, nestes momentos de dificultades económicas

O titular de Mar salienta medidas adoptadas polo Goberno galego como a elaboración do plan estratéxico da conserva, a aprobación da lei de ordenación do litoral ou as achegas postas a disposición das empresas de transformación de produtos do mar

Alfonso Villares pon en valor que Vigo se converte un ano máis na capital mundial do atún para analizar os seus retos e oportunidades e agradece o intenso labor realizado por Anfaco-Cecopesca desde a primeira edición deste evento

Vigo, 14 de setembro de 2023.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe na benvida institucional aos asistentes á XI Conferencia Mundial do Atún, organizada por Anfaco-Cecopesca, onde salientou que a industria vencellada co atún é fundamental para Galicia e que, por iso, sempre contará con apoio da Xunta. Nesta liña, animou ao Goberno central a facer o mesmo adoptando medidas como a creación dun proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) da cadea mar-industria e a rebaixar o IVE dos produtos pesqueiros e das conservas para blindar o futuro do sector.

O representante do Executivo galego incidiu en que a comunidade está a traballar xunto ás empresas do sector para impulsar a súa competitividade e marcar o rumbo do futuro con accións como a elaboración do Plan estratéxico do sector conserveiro 2022-2030, un documento que é a folla de ruta “para navegar con garantías entre tantos riscos”.

A maiores salientou a aprobación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), que pretende dar seguridade xurídica ás instalacións asentadas na costa fronte ás pretensións do Goberno do Estado de sacar calquera vestixio de actividade humana da zona de dominio público marítimo-terrestre.

O titular de Mar incidiu en que a economía se atopa en momentos de dificultades -por factores como a guerra en Ucraína, a inflación e os problemas para acceder a certas materias primas- e que é preciso apoiar a un tecido empresarial vital para a economía de Galicia. De feito, así o está a facer a Xunta tanto a través das axudas ordinarias que convoca cada ano para o sector da transformación de produtos do mar como coas achegas extraordinarias convocadas este ano para paliar as consecuencias da guerra en Ucraína ou anteriormente as da pandemia pola covid-19.  

Alfonso Villares puxo en valor o papel de Galicia no sector conserveiro -como primeira potencia europea e segunda mundial- e salientou que esta XI Conferencia Mundial do Atún volve converter á comunidade en capital da industria vencellada con esta especie, da transformación dos produtos do mar e das empresas auxiliares ao reunir a arredor de 300 directivos de firmas que concentran entre o 80% e o 90% do atún que se consume en todo o planeta.

Por iso, o conselleiro agradeceu o gran labor realizado ano tras ano por Anfaco-Cecopesca -organización que está a piques de cumprir 120 anos de historia- para analizar os retos e oportunidades que se lle presentan ao sector do atún e por mostrar internacionalmente o esforzo e saber facer da industria galega en aspectos como a innovación, a mellora dos procesos e produtos ou a eficiencia no desenvolvemento da actividade.

O evento

A Conferencia Mundial do Atún -que se celebra cada dous anos- enmárcase no Foro Internacional de Conservación de Produtos da Pesca de Galicia, creado por Anfaco-Cecopesca en 1995 e que desde entón vén organizando diferentes conferencias para analizar a situación presente e futura do sector transformador dos produtos da pesca e da acuicultura así como os distintos problemas que a preparación e venda destes produtos presenta a nivel internacional.

Esta XI edición, titulada Liderando en tempos de incerteza, acolle a arredor de 300 directivos de empresas atuneiras dos cinco continentes e contará con diferentes relatores de prestixio internacional que abordarán cuestións vitais para o sector como a xestión sostible das pesqueiras de atún, a innovación e a tecnoloxía na industria de transformación de produtos do mar ou a situación do mercado do atún en cada continente.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 14/09/2023