A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe un encontro de traballo en Santiago co alcalde, Xosé Luciano Otero

Pazos de Borbén interésase pola opción que ofrece a lei do ciclo integral da auga para que sexa a Xunta quen xestione as infraestruturas hidráulicas municipais

A directora informou ao rexedor que para adherirse a este modelo, que é voluntario, o Concello debe presentar unha solicitude formal ante Augas de Galicia

No encontro abordaron as ferramentas á disposición da entidade local para avanzar na mellora do saneamento municipal

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Pazos de Borbén, Xosé Luciano Otero, no que o rexedor se interesou pola opción que ofrece a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga para que sexa a Xunta a encargada de xestionar as infraestruturas hidráulicas municipais.

A directora do organismo hidráulico da Xunta informou ao rexedor que para que para adherirse a este modelo que ofrece a lei, que é voluntario, o Concello deberá presentar unha solicitude formal ante Augas de Galicia.

Durante o encontro, tamén abordaron as ferramentas á disposición da entidade local para avanzar na mellora do saneamento municipal. Teresa Gutiérrez incidiu nas medidas recollidas no Plan de Saneamento de Galicia, concretamente, nas directrices para o saneamento dos núcleos dispersos e a plataforma de información SISBAGAL que a Xunta pon á disposición dos concellos.  

A directora de Augas de Galicia informou ao rexedor sobre a importancia de levar a cabo unha análise dos problemas que teñen detectado na rede municipal, tendo en conta a realidade do propio municipio para así poder definir as diferentes solucións que se poden adoptar en cada caso.

Deste xeito, unha vez o Concello teña feito esta análise de alternativas poderá priorizar as actuacións necesarias e procurar o financiamento para poder levalas a cabo.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Data de actualización: 14/09/2023