Rueda reúnese co embaixador de Italia para España e Andorra para afianzar as relacións turísticas con Galicia propiciadas polo Camiño de Santiago

As exportacións galegas a este país medraron un 32 % no último quinquenio ata alcanzar a cifra récord de 2807 M€

 

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu hoxe o embaixador de Italia para España e Andorra, Giuseppe Buccino Grimaldi, nun encontro para continuar afianzando as relacións turísticas, propiciadas polo Camiño de Santiago, ao ser a capital de Galicia e a capital italiana, Roma, dúas das tres cidades santas da Cristiandade. 

O mandatario autonómico estivo acompañado nesta reunión polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, mentres que o embaixador acudiu co vicecónsul honorario de Italia na Coruña, Francesco Milani, e o secretario conselleiro do Embaixador, Filippo Palacios. 

No encontro afondouse na especial importancia do Camiño de Santiago na relación entre Galicia e Italia, xa que este país é tradicionalmente o que maior número de peregrinos xacobeos aporta, só superado por Alemaña, entre 2008 e 2013, e Portugal durante a pandemia. Ademais, Santiago e Roma están unidas polo itinerario de dobre percorrido da Vía Francígena, que conecta a catedral compostelá coa basílica de San Pedro. Precisamente, nos oito primeiros meses deste ano 2023 recolleron a compostela máis de 21.000 peregrinos italianos, unha cifra que supón un incremento do 6 % en relación ao pasado ano.  

Relacións comerciais

As relacións entre Galicia e Italia tamén son estreitas no eido comercial, xa que o mercado italiano está entre os principais para as empresas galegas, sobre todo nos sectores téxtil, de automoción e no agroalimentario, en especial o pesqueiro, ademais de que firmas italianas se teñen convertido en socias estratéxicas e tecnolóxicas no Polo Aeroespacial de Galicia. 

Salientar que no último quinquenio, as exportacións galegas a Italia medraron un 32 % ata alcanzar a cifra récord de 2807 M€, ademais os resultados do primeiro semestre de 2023 confirman a boa evolución das vendas a este país, xa que as exportacións aumentaron un 25, 8%.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/09/2023