A Xunta e o Concello de Oroso colaborarán na mellora de infraestruturas rurais e no impulso ao viveiro da Falmega como referente de material forestal de reprodución

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse en San Caetano co alcalde desta localidade coruñesa, Alexander Doval, para coñecer as súas necesidades e demandas

Na xuntanza tamén participaron a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan
 

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse en San Caetano co alcalde de Oroso, Alexander Doval, para coñecer as necesidades e demandas desta localidade coruñesa en relación co eido rural.

Nesta xuntanza avanzouse na colaboración en materia de mellora de pistas de concentracións parcelarias, máis concretamente na zona de Senra-Cardama-Vilaromaris II, unha das de maior superficie do concello, con 1.366 hectáreas. No encontro tamén se exploraron diferentes vías de cooperación en relación coa mellora de infraestruturas rurais e tamén de elementos patrimoniais do concello.

No eido forestal, a reunión serviu ademais para intensificar a colaboración na liña de potenciar o viveiro da Falmega, propiedade da Xunta e situado neste municipio. Trátase de traballar para reforzar o uso deste viveiro -que abrangue arredor de 16 hectáreas de superficie- como referente de material forestal de reprodución.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/09/2023