Ana Ortiz e Lete Lasa destacan a Semana Azul como “instrumento ideal” para difundir o alto valor social e cultural das actividades náuticas

A delegada territorial da Xunta e o secretario xeral para o Deporte participaron este xoves na presentación da cuarta edición do evento que organiza o Clúster Náutico Ría de Vigo

O evento celebrarase entre o 30 de setembro e o 8 de outubro en distintos escenarios das augas viguesas para unir deporte, cultura e tradición
 

Vigo, 14de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participaron este xoves na presentación da IV Semana Azul que organizará o Clúster Náutico Ría de Vigo desde o 30 de setembro ao 8 de outubro. Os representantes autonómicos destacaron a iniciativa como un “instrumento ideal” para difundir o alto valor social e cultural das actividades náuticas.

Nun acto celebrado no Edificio de Sesións do peirao de Transatlánticos e acompañados pola vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, e polo presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, foi presentada a cuarta edición dun evento no que os asistentes poderán gozar de experiencias únicas na ría de Vigo, que van desde cruceiros guiados ata actividades de iniciación a distintos deportes, charlas e exposicións.

“Estamos ante unha excelente actividade e un instrumento ideal para difundir a nosa relación co mar, unha canle extraordinaria para o intercambio cultural no noso territorio”, destacou Ana Ortiz durante a súa intervención. Pola súa banda, José Ramón Lete incidiu “na importancia das actividades náuticas como parte esencial para o desenvolvemento social e económico de Galicia, o que ten a súa replica no ámbito deportivo”.

O programa da IV Semana Azul permitirá aos participantes aprender elaboracións no showcooking, pero taménpracticar snorkel nas Islas Cíes ou visitar o observatorio submarino Nautilus, o Hidria II ou barco Peregrina da Armada Española. Ademais, para fomentar a concienciación ambiental, Ecoembes ofrecerá charlas de formación e concienciación en colaboración coa Semana Azul e instalaranse distintas exposicións gratuítas de temática mariña nas instalacións da Estación Marítima de Vigo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/09/2023