O presidente do Goberno galego participou na apertura da xornada ‘Diálogos co sector bancario para o progreso económico e social” que se celebra en Santiago

Rueda destaca o papel do tecido empresarial e financeiro para impulsar o progreso económico e social de Galicia

Resalta a súa contribución na consolidación dunha Galicia potente que atrae investimentos estratéxicos

“Non se progresará socialmente se a economía non funciona e o primeiro deber da economía é o progreso social”, asegurou

Galicia recuperou o nivel de PIB prepandemia medio ano antes que a media nacional, bateu récord de exportacións no primeiro semestre de 2023 e as previsións son pechar o ano cun crecemento consistente da economía

Urxe ao Goberno central a desbloquear os fondos europeos para industria para non poñer en xogo “proxectos moi potentes” para a comunidade galega
 

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel do tecido empresarial e financeiro no progreso económico e social da comunidade e na construción dunha “Galicia emprendedora e potente” que atrae investimentos para desenvolver proxectos industriais claves. “Non se progresará socialmente se a economía non funciona e o primeiro deber da economía ten que ser o progreso social”, indicou esta mañá durante a apertura da xornada ‘Diálogos co sector bancario para o progreso económico e social’ que se celebra en Santiago e na que tamén participou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

Rueda asegurou que para avanzar cara unha sociedade más próspera é preciso o traballo conxunto das empresas -“son as que xeran riqueza”, indicou-, do sector bancario -que participa en moitos proxectos sociais e económicos e facilita a financiación doutros- e da administración. “A nosa obriga é xerar contornos para xerar esa riqueza e crecemento”, subliñou.

Nesta liña, o presidente asegurou que a Xunta promove os investimentos na comunidade ofrecendo unha estabilidade política, institucional e económica que permitiu que Galicia recuperase os niveis de PIB prepandemia medio ano antes que a media nacional, batese novo récord de exportacións no primeiro semestre de 2023 ou mostrase un claro crecemento nese mesmo período.

Ademais, tal e como explicou Rueda, o Goberno autonómico aposta por dar garantías e certezas ao tecido empresarial a través da pioneira lei de simplificación administrativa -que permite reducir á metade os prazos dos trámites para poñer en marcha un proxecto- ou da Axenda Financeira que este ano conta con 140 millóns de euros para apoiar iniciativas industriais.

O presidente asegurou que Galicia ten por diante un futuro prometedor, xa que as previsións máis inmediatas apuntan a que a comunidade pechará o ano crecendo de forma consistente e estanse promovendo novos proxectos industriais que van ser estratéxicos para a economía galega. Sobre este aspecto, remarcou que moitos deles aínda están pendentes de confirmar que recibirán financiamento dos fondos europeos. “Hai que desbloquear os Next Generation canto antes porque hai proxectos moi potentes esperando este financiamento”, indicou para subliñar que “nos xogamos moito” e lamentar que “o país máis descentralizado de Europa teña o sistema de xestión de fondos europeos máis centralizado”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/09/2023