A Xunta reuniuse con representantes de Aspapel para tratar a implantación do novo regulamento europeo sobre productos libres de deforestación

A Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón (Aspapel) é unha organización profesional de ámbito estatal, que agrupa ás empresas do sector da celulosa e o papel que supoñen máis do 90% da produción do sector

Este novo regulamento europeo incide especialmente en evitar a deforestación e a degradación forestal provocada por diversos produtos, entre os que se atopa a madeira

A reunión centrouse en analizar como as aplicacións informáticas das que dispón a Xunta de Galicia poden axudar aos operadores do sector a cumprir os requirimentos da nova lexislación
 

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e outros membros da dirección reuníronse con Arantza Pérez Oleaga, directora forestal da Asociación Española de Pasta, Papel e Cartón (Aspapel), e outros membros da asociación para presentarlles o conxunto de aplicacións que se empregan en Galicia para a xestión dos aproveitamentos madeireiros, e analizar conxuntamente as posibilidades que ofrecen para o cumprimento do regulamento europeo coñecido como EUDR.

Estas aplicacións, desenvolvidas nos últimos anos, permiten localizar xeograficamente as parcelas nas que se corta a madeira, o que é un dos principais requirimentos do novo regulamento. Ademais, os axentes do sector poden acceder aos datos das súas operacións incluso a través de dos servizos web da aplicación CORWEB, o que facilita o procesado de datos en aplicacións propias; para os menos tecnificados, existe a posibilidade de exportar os datos en follas de cálculo.

Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia ofrece, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, a ferramenta gratuíta FORTRA, que facilita a trazabilidade -desde o monte ata o produto final- do camiño que sigue a madeira a través dos diferentes operadores do sector. Esta aplicación dispón tamén de servizos web.

O regulamento EUDR incide tamén na legalidade dos aproveitamentos e asigna un risco a cada país ou rexión, en función do cal os operadores do sector terán máis ou menos obrigas. A Xunta de Galicia puxo en marcha recentemente un sistema de detección de aproveitamentos forestais que analiza os cambios no territorio a través de imaxes de satélite e detecta aquelas cortas de arboredo que se realizaron sen cumprir os trámites legais. Este sistema axudará a que o risco en Galicia se considere baixo ou mesmo desprezable, aforrando así custos ao sector.

Por último, o Rexistro de Empresas do Sector Forestal e as comunicacións anuais que os operadores teñen que realizar facilitou ata o momento o envío de datos sobre os aproveitamentos de madeira ás institucións da Unión Europea. Galicia é a única comunidade autónoma do Estado que permite a realización das declaracións responsables dos operadores do sector a través da súa plataforma, o que sen dúbida facilita o trámite. No futuro e sempre que as institucións estatais e europeas o permitan, desenvolverase o sistema para axudar a dar cumprimento ás novas obrigas.

Compromiso da Xunta

Con estas accións, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/09/2023