Rueda recibe o embaixador de Suíza para España e Andorra para afianzar a relación histórica que une a ambos territorios froito da emigración

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu ao embaixador de Suíza para España e Andorra, Hanspeter Mock, co obxectivo de afianzar as relacións históricas entre Galicia e o país europeo. Neste sentido, puxeron de manifesto os lazos que unen a ambos territorios, en especial, froito da emigración galega a partir dos anos 50.

O mandatario autonómico, que estivo acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, ofreceu ao diplomático o apoio do pobo galego ao seu país como mostra de afecto e agradecemento polo que Suíza representou para Galicia e acollida que amosou sempre ao pobo galego.

Durante o encontro, ambos abordaron asuntos de interese para o desenvolvemento económico dos dous territorios, salientando que as exportacións galegas ao territorio suízo medraron un 25% no último quinquenio.

No eido do turismo, Suíza representa case o 4% do total de viaxeiros internacionais que chegan a Galicia, sendo esta a sexta comunidade de España na que maior gasto realizan –chegando aos 11,3 millóns de euros no primeiro semestre deste 2023–. O Camiño de Santiago tamén xoga un papel importante nestes datos xa que cada ano a cifra de peregrinos suízos que chegan a Santiago aumenta, superando os 1.200 nos primeiros oito meses deste ano.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023