O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica asistiron ao evento

A Xunta pon de relevo a gastronomía galega no Círculo de Empresarios de Vigo

Os directores interviñeron no relatorio Conversación estratégica 01: Una cadena de valor que comienza en el campo o en el mar

Cabarcos destacou a importancia da gastronomía galega, amparada en moitos casos por selos de calidade alimentaria, e que supón un dos piares da economía da comunidade

O director xeral de Pesca salientou os beneficios para a saúde dos produtos do mar e a importancia de promover o seu consumo a través de campañas como a impulsada pola Xunta GALICIA SABE AMAR

Vigo, 13 de setembro de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou no Ciclo de Jornadas 01 Galicia con valor añadido sobre gastronomía, centrándose na restauración, bodegas e turismo, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia.

 

Os directores interviñeron no relatorio Conversación estratégica 01: Una cadena de valor que comienza en el campo o en el mar. Pola súa parte, José Luis Cabarcos puxo de relevo a importancia da gastronomía galega, amparada en moitos casos pos selos de calidade diferenciada, e que supón un dos piares da economía da comunidade, apoiado por parte da Xunta de Galicia a través de instrumentos como a Lei de recuperación da terra agraria e a futura Lei da calidade alimentaria.

 

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica salientou os beneficios para a saúde que teñen os produtos do mar e a importancia de promover o seu consumo entre o conxunto da poboación con campañas como a impulsada pola Xunta GALICIA SABE AMAR. Este tipo de iniciativas, incidiu, contribúen a poñer en valor os peixes e mariscos galegos, a impulsar a súa demanda, elevar os seus prezos e mellorar os ingresos dos profesionais do mar, o que beneficia ao conxunto da economía.

 

Este ciclo de relatorios, celebrado no Círculo de Empresarios de Vigo, enmárcase dentro do programa “Capacita Directivos 2023” e nesta xornada puxo o foco sobre o proceso de transformación polo que pasa a materia prima antes de converterse en produto. O obxectivo final é analizar como Galicia foi creando cadeas de valor, dende sectores primarios ata chegar a ofrecer servizos de alta calidade que constitúen un reclamo por si mesmos. Neste caso, céntranse na gastronomía galega, que conta cun prestixio recoñecido incluso máis alá das nosas fronteiras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023