A Xunta reinvindica o Caudal Fest como exemplo de festival musical de calidade estratéxico na promoción do destino

O director de Turismo de Galicia e o delegado territorial da Xunta en Lugo participaron na presentación deste festival que se celebra o 15 e 16 de setembro no Pazo de Feiras

Lugo, 13 de setembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron esta mañá o espazo de Pazo de Feiras en Lugo onde o 15 e 16 de setembro se celebrará a 5ª edición do Caudal Fest e no que se agarda que se dean cita máis de 30.000 persoas cunha programación diversa e cunha alta porcentaxe de artistas nacionais de internacionais.

 

Tal e como destacou o director de Turismo de Galicia no acto, “este festival, como moitos outros dos que apoiamos en todo o territorio galego, permítenos posicionarnos cunha oferta cultural e musical de gran calidade, aportando un elemento capital que se está demostrando estratéxico para a promoción turística e que permite que a cidade de Lugo celebre o último festival do verán”, explicou Merelles, quen puxo en valor a excelente ocupación hoteleira que supón a celebración deste festival.

 

Neste sentido, o delegado territorial da Xunta en Lugo, tamén destacou a excelente localización do festival, situado na contorna do río Miño e a cooperación de todas as institucións para facelo posible. “Sen o apoio fundamental da Xunta este festival non podería ter a dimensión que actualmente ten”, destacou ao tempo que se amosou convencido do éxito do festival e da súa consolidación na programación musical e do alto impacto económico que supón para a cidade, potenciando a visibilidade e o desenvolvemento tanto de Lugo como de Galicia, nos ámbitos turístico, cultural e económico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023