A Xunta comeza hoxe os novos traballos da campaña de conservación e reforzo de firme na autoestrada autonómica A Coruña-Carballo

Cumprindo co programa inicial, as intervencións na AG-55 iniciáronse polo treito comprendido entre os quilómetros 3+752 e 27+950, na calzada dereita, no carril dereito

As obras están debidamente sinalizadas e para minimizar a afección ao tráfico trabállase por carrís

Estas intervencións de rehabilitación estrutural do firme están enmarcadas na campaña de mellora que se leva a cabo de forma periódica nesta vía autonómica e na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, incluíndo o ramal a Nigrán (AG-57N)

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023

A Xunta vén de comezar hoxe os traballos correspondentes ás novas obras da campaña de conservación e reforzo do firme na autoestrada autonómica A Coruña-Carballo (AG-55).

 

Cumprindo co programa inicial de traballo, hoxe comezaron as obras no treito comprendido entre os quilómetros 3+752 e 27+950, na calzada dereita, no carril dereito.

 

Seguindo esta programación, o segundo día as actuacións continuarán no treito que vai do quilómetro 28+700 ao 17+135, neste caso na calzada esquerda, no carril dereito.

 

O terceiro día as tarefas desenvolveranse entre o quilómetro 16+160 e o 7+500, na calzada esquerda, no carril dereito.

 

A partir do vindeiro 18 de setembro, e durante 6 xornadas, actuarase no ramais de Carballo Norte, Carballo Este, Sabón.

 

As obras están debidamente sinalizadas en cada unha das zonas de traballo e para minimizar a afección ao tráfico trabállase por carrís.

Estas intervencións de rehabilitación estrutural do firme consisten no fresado e reposición con mesturas bituminosas en quente. A actuación execútase no ámbito da planificación da campaña de firmes do ano 2023 que a concesionaria realiza de xeito periódico nas dúas autoestradas autonómicas co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles e garantir a calidade, seguridade e durabilidade dos firmes.

 

Deste xeito, continúa o desenvolvemento dos traballos previstos na campaña, que tamén se están a realizar desde o pasado mes de xullo na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, co inicio a partir desta vindeira semana destes novos traballos na AG-55.

 

Campaña 2023

Nesta campaña estanse a realizar actuacións de mellora das características superficiais en 64.900 m2 na AG-55 e 181.225 m2 na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, incluíndo o ramal a Nigrán (AG-57N). 

 

Tamén están previstas actuacións de mellora estrutural en 29.667 m2 na AG 55 e 26.334 m2 na AG-57 incluíndo unha campaña de selado de gretas en 5.450 m lineais.

 

O orzamento estimado da campaña do ano 2023 suma nas dúas autoestradas autonómicas un total de 1,2 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023