O delegado territorial participa na presentación da Feira do Moble de Galicia e destaca a boa fama deste sector a nivel nacional

Durante os próximos catro días espérase que pasen polo recinto ferial da Estrada un gran número de persoas entre particulares, empresarios e expositores

Reguera lembrou que este evento vai máis alá do puramente empresarial e funciona como escaparate da comunidade autónoma para os profesionais que durante os próximos días visitarán Galicia

A Estrada (Pontevedra), 13 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou hoxe na presentación da 35º Feira do Moble de Galicia, que tivo lugar no Recinto Ferial de A Estrada.

Alí citáronse algúns dos responsables de que este evento leve 35 anos achegando a Galicia ás principais marcas e empresarios do sector do moble do noroeste peninsular e que este ano arrancará mañá a partir das 11.00 horas.

Reguera aproveitou a súa quenda para felicitar o traballo de todos os que fan posible este evento e que grazas ao seu labor impulsan un sector que, xunto ao da madeira, conta cun gran prestixio a nivel nacional. Ademais, lembrou que o impacto desta Feira vai moito máis alá do puramente empresarial: “Este evento non é só un lugar onde o sector do moble se dá cita, é tamén unha oportunidade para que moitos profesionais visiten a nosa comunidade autónoma e experimenten todo o que temos para ofrecer”.

Espérase que o evento atraia un gran número de persoas durante os catro días que estará aberto ao público. En total, serán catro pavillóns de exposicións polos que poderán pasar tanto clientes particulares como profesionais do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023