Román Rodríguez reafirma o compromiso da Xunta coa mellora educativa no rural cun investimento de arredor de 430.000 euros no colexio Ortigueira de Vedra

Na visita ao centro, o conselleiro de Educación explicou que a intervención abranguerá unha nova cuberta exterior, un aseo, un almacén e unha gradaría

A Consellería está revisando o proxecto para, tras completar todos os pasos administrativos pertinentes, iniciar as obras no terceiro trimestre de 2024

Vedra (A Coruña), 13 de setembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Colexio CEIP Ortigueira, en Vedra, onde anunciou unha próxima obra de mellora deste centro cun investimento estimado de arredor de 430.000 euros, o que “dá boa conta do compromiso da Xunta de coa mellora das infraestruturas educativas do rural”.

Non en balde, a Administración autonómica leva investidos máis de 1,1M€ na última década nos dous colexios do municipio, dos que cómpre destacar a ampliación do Centro Público Integrado (CPI) Plurilingüe de Vedra, que en 2020 foi obxecto dunha importante ampliación coa dotación dun novo aulario para Secundaria.

“Agora -en palabras do titular de Educación- imos darlle un novo pulo ao Colexio Ortigueira coa dotación dunha cuberta exterior, dun aseo, dun almacén e dunha gradaría”. O proxecto de obra atópase nestes momentos en fase de revisión e a previsión é que, unha vez concluídos todos os procedementos administrativos pertinentes, se poidan comezar os traballos no terceiro trimestre do próximo ano 2024.

 

A Consellería de Educación continúa así coa programación plurianual de mellora das infraestruturas educativas que se desenvolven ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. De feito, no que vai de lexislatura a Xunta leva executadas 1.372 obras nos colexios e institutos de toda Galicia entre rehabilitacións integrais, melloras sectoriais, ampliacións, construción de novos centros, actuacións de pequena e mediana envergadura e instalacións fotovoltaicas.

 

Profesorado comprometido

Román Rodríguez aproveitou a visita ao centro para agradecer o traballo e a implicación do equipo directivo e do plantel de profesorado do colexio, sobre todo no ámbito dixital e tecnolóxico, coa participación en programas impulsados pola Consellería como os de Introdución á Robótica educativa en Primaria e DigiCraft no teu cole.

Trátase de dúas iniciativas enmarcadas dentro da Estratexia Educación Dixital 2030, que teñen como obxectivo familiarizar os alumnos coas tecnoloxías, a robótica e a programación ao tempo que mellorar as súas competencias dixitais e estimular o seu espírito científico e impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico-tecnolóxico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023